Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

En marcha unha unidade móbil informativa do programa Erasmus + co gallo do seu 30 aniversario

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, despraza dende o luns 17 de xullo e ata o sábado 22, unha unidade móbil informativa sobre o programa Erasmus+. A actividade, que se realiza en colaboración coa Axencia Nacional do programa Erasmus+:Xuventude en Acción, ponse en marcha con motivo da celebración do 30 aniversario do programa Erasmus+, coa finalidade de achegar o programa e as súas distintas accións aos mozos e mozas en xeral , técnicos de xuventude, representantes e membros de asociacións xuvenís e calquera persoa interesada no programa.

Así as cousas, as xornadas descorrerán do 17 ao 22 de xullo en seis localidades galegas: luns 17 na cidade de Ourense; martes 18 en Mos; o mércores 19 na Estrada; xoves 20 na localidade luguesa de Vilalba; o venres 21 en Santa Comba e o sábado 22 en Betanzos. Contarán con talleres de difusión e asesoramento sobre o programa e unha unidade móbil informativa a pé de rúa. En canto ao horario das actividades, estas desenvolveranse en horario de 11:00 a 14: 00 horas, agás na vila xalleira de Santa Comba que será de 17:00 a 20:00 horas

O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

De forma xeral, poden participar estudantes, profesoras, formadores, persoas que realicen prácticas profesionais ou participen en programas de educación de adultos, voluntarios/as, mozos e mozas – entre 13 e 30 anos, segundo cada acción-, e traballadores no ámbito da educación, a formación e a xuventude. O orzamento desta iniciativa está cifrado en 14.700 millóns de euros,

O programa fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

Erasmus+ é un dos proxectos de maior éxito da Unión europea. Durante tres décadas ven ofrecendo, en particular aos mozos e mozas, oportunidades de adquirir experiencias e de ampliar os seus horizontes viaxando ao estranxeiro. O que comenzou no ano 1987 como un modesto programa de mobilidade para estudantes de educación superior creceu e enriqueceu as vidas de máis de 9 millóns de participantes directos. O programa foi ampliándose e ofrece oportunidades de períodos de estudo e de prácticas/aprendizaxe, intercambios de mozos/as, voluntariado e intercambio de persoal docente e non docente en todos os ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte. Erasmus+ está tamén máis aberto ás persoas procedentes de contornos desfavorecidos.

O ámbito xeográfico do programa viuse ampliado de 11 países no ano 1987 a 33 na actualidade (os 28 estados membros da Unión Europea, máis Turquía, a antiga República Iugoslavia de Macedonia, Noruega, Islandia e Liechtenstein

Ao longo do ano 2017 celébranse actos a escala europea, nacional e local a fin de por de manifesto os efectos positivos do programa Erasmus+, tanto para as persoas participantes como para a sociedade no seu conxunto, e para ofrecer aos interesados a oportunidade de debater sobre a forma na que o programa debe evolucionar nun futuro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia