De Vacas tocará coa brasileira Maria Gadú no Territorio das Mulleres

Inés Salvado asegurou estar "moi emocionada por poder tocar na casa" e avanzou "sorpresas" de cara ao concerto do sábado. Pola súa banda, Guillerme Fernández sostivo tres razóns polas cales esta actuación é importante para o grupo. "En primeiro lugar, por poder tocar en Santiago; en segundo, por poder facelo nas festas do Apóstolo e, en terceiro, por estar dentro de Territorio das Mulleres", dixo.
De Vacas
De Vacas é un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Son coñecidos por facer versións de temas moi coñecidos, dende as Spice Girls ao "Gagnam Style", pasando por Enrique Iglesias ou Luis Fonsi. A súa última versión é precisamente deste cantante e o seu famoso "Despacito", que De Vacas versionou con "Amodiño".
Ademais de actuar en Santiago, De Vacas percorrerán lugares da xeografía galega como Ribeira, Padrón, Mera ou Moeche. Xa actuaron en Ourense, Muros ou Meis.
Maria Gadú
Maria Gadú é unha cantante, compositora e violinista de orixe brasileiro e de música popular. Dende os seus inicios chamou a atención do público e da crítica, sendo nominada en dúas ocasións aos Grammy Latinos. Maria Gadú ten cinco discos, dende aquel primeiro homónimo que lanzou en 2009 e polo que conseguiu o seu primeiro disco de platino ao vender máis de 250.000 copias. Despois chegarían tres platinos máis con Multishow ao vivo en 2010, María Gadú e Caetano Veloso en 2011 e Mais uma pagina en 2011.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela