Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Feira MOSTRART achega ata o 15 de agosto na Coruña a calidade e a variedade da Artesanía de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron á inauguración da XXXIII edición de MOSTRART que se poderá visitar ata o 15 de agosto nos Xardíns de Méndez Nuñez na Coruña.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén a súa colaboración con este evento que, grazas ao compromiso do sector artesán consolidouse non só como unha feira de referencia en Galicia, senón tamén como unha das máis importantes a nivel nacional, o que afianza a aposta da Xunta pola calidade, a promoción e comercialización do produto artesán galego.

Tal e como salientou Vázquez Abeal, MOSTRART contribúe a achegar a Artesanía de Galicia de calidade á sociedade. A súa celebración na Coruña nestas datas permite dar unha grande visibilidade aos oficios artesanais da nosa Comunidade.

A mostra contará coa participación de 53 obradoiros artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia. Como todos os anos, novos artesáns asisten por primeira vez a esta feira: María Lucía Solís do obradoiro Anudo (A Coruña), Alba Gómez de Microcreaciones (Vigo); Marcos Paz de Navas (A Coruña); Sonia Cereijo de Soña de Cores (Cambre, A Coruña) e Amparo Arias de Volta Revolta (A Coruña)

Nesta edición a feira contará cun obradoiro de cerámica os días 2,3 e 4 de agosto e outro de tapices, a cargo da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que permitirá tecer nun gran bastidor cúbico, os días 8, 9 e 10 de agosto. A participación será gratuíta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia