Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Viveiro convértese no gran escaparate da cultura en Galicia coa 39 edición da Mostra Folklórica Internacional

O programa deste ano contempla un amplo número de actividades que se desenvolverán durante catro días -os vindeiros 3, 4, 5 e o 6 de agosto-. O domingo, será a quenda do peche estelar que sempre se corresponde coa Gran Gala Internacional da Mostra, todo un espectáculo que achega a Viveiro as diferentes culturas do mundo.

Durante a presentación da Mostra, ademais do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que fixo de anfitrión, tamén participaron membros do colectivo organizador como a presidenta de Bágoas da Terra, Maria Carmen López (Chipe) ou Xulio Xiz (presentador da gala), ademais da alcaldesa da localidade, María Loureiro.

Gran potencial cultural, turístico e económico

Balseiro puxo en valor que, como non podía ser doutro xeito, a Xunta está comprometida e apoia a Mostra –a través da Consellería de Cultura- e faino baixo o convencemento do potencial cultural, turístico e económico que ten para Viveiro e para o conxunto da comarca e da provincia.

Pero ademais o delegado territorial da Xunta destacou que só hai tres festivais culturais en toda España que conten co aval e o apoio do Ministerio de Cultura e un deles é a Mostra Folklórica de Viveiro o que amosa a magnitude da importancia dun evento que cada ano reúne no seu día grande a unhas 5.000 persoas na praza maior de Viveiro.

Actuacións de sete grupos folclóricos nacionais e internacionais

A Gran Gala do domingo é o prato forte deste evento, tendo en conta ademais que a entrada é libre e de balde ata contemplar o aforo, onde se habilitiará un espazo especialmente destinado para persoas con mobilidade reducida.

Nesta edición contan coa actuación de sete grupos folclóricos. Desde o internacional Ballet de la Universidad de Colima” de México; ata “Song And Dance Ensemble Bielsko” de Polonia; continuando polo “Grupo Etnográfico Da Areosa” de Portugal ou o “Ballet Carmen López” de Colombia.

Xa no ámbito nacional están previstas as actuacións dos “Coros y Danzas de Granada”, e dos “Coros y Danzas Jovellanos” de Xixón; ademais da actuación do grupo anfitrión como é “Bágoas da Terra” de Viveiro.

Música na rúa e Mostra Infantil

Pero ademais o programa contempla outras moitas propostas, desde exposicións de pintura ata audicións musicais polas rúas e prazas de Viveiro, xa que logo os corpos de música participantes ofrecerán concertos de música tradicional dos seus respectivos países, como xeito de achegarse mais ao pobo e que este aprecie de primeira man as súas músicas e cantos.

Finalmente, o xoves 3 de agosto, ás 20:30h. na Praza Maior, ten lugar un dos eventos recibidos con maior agarimo, como é a Mostra Folklórica Infantil que nesta ocasión contará coa participación do grupos “Cacharelas E Galochas” de Saiñas de Xove; do Grupo “Mistura” de San Cibrao, da ACR “Os do 21” de O Vicedo; do Grupo “Xilbarbeira” de Boiro, do Grupo infantís de Bágoas da Terra: “Bazar, Pindusa e Ledaiña”; e como convidado especial da “Asociación Maura Xeva” de Xixón – Asturias.

Mostra Folklórica Internacional de Viveiro