Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Dúas galas solidarias traen a Galicia o espírito que Pallasos en Rebeldía e Caracoles levaron ás persoas refuxiadas de Atenas

O seu obxectivo foi levar risos, alegría, circo e música ao barrio de Exarchia, no centro de Atenas, e ao campo de refuxiadxs de Skaramangas, a 40 km da capital helena.

Desta volta traen ese mesmo espírito solidario a Galicia, onde actuarán en dúas localidades en senllos festivais durante a vindeira fin de semana. O 18 de agosto, a Gala Flores Contra El Olvido pon o broche de ouro á programación Festa das Utopías, que por segundo ano organiza o Concello da Coruña polas Festas de María Pita, cunha chea de actividades circenses precedentes, do 14 ao 18, polos barrios da cidade.

No escenario do Parrote estarán o venres 18, desde as 19 horas, Carlos Sante e Vanessa Rivas sobre os zancos, o pallaso Peter Punk, o Mago Teto, a compañía ripense Kanbahiota, -que tamén estivera en Atenas-, e outras figuras do circo coma Ricky Tenis, Zirkusfrak ou Júlia Farrero.

Ademais, a música de Caracoles porá a nota de cor, e o recoñecido bufón Leo Bassi fará a súa perfornance “A Utopía facémola nós” a partir das nove.

Ao día seguinte -sábado, 19 de agosto- será a quenda das Rías Baixas: Caracoles e Pallasos van ao Festival Revenidas, de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, repetindo cartel agás no caso de Leo Bassi, que non poderá estar. A gala do Revenidas comeza ás 18 horas.
Pallasos en Rebeldía