Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Camiño Inglés encherase de teatro e música nas próximas semanas co programa ‘Vive o Camiño’

Tanto os peregrinos como os galegos en xeral poderán gozar de balde de Vive o Camiño, o que servirá para por en valor o Camiño Inglés, unha ruta á alza que no que vai de ano foi xa percorrida por 7.600 persoas, o que a converte na quinta máis elixida. “A relevancia do Camiño Inglés non deixou de crecer e, por iso, desde Turismo de Galicia estamos a dedicar moitos esforzos e inversións nel”, afirmou Nava Castro, Directora Xeral de Turismo, na presentación do programa.

Vive o Camiño espallará o espírito dos Camiños a través das artes escénicas e a música nos meses de agosto e setembro desde este mércores. Esa xornada, a partir das 20,00 horas, o Peirao de Curuxeiras da cidade ferrolá acollerá o estreo da obra Dous no Camiño. Trátase dun espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco, coa dirección de Avelino González e o texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. De seguido, este mesmo recinto servirá de escenario para o concerto de Caxade, un proxecto persoal de Alonso Caxade ao redor do folk-pop.

Ademais, e na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco levarán a cabo unha animación, de creación e dirección propia, tanto nos concellos como nas contornas dalgúns albergues, onde interactuarán cos cidadáns e os peregrinos en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron.
Investimentos no Camiño Inglés

Nava Castro lembrou algúns dos investimentos realizados este ano no Camiño Inglés, que están incluídos no Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta que contén todas as iniciativas e intervencións previstas coa vista posta no Xacobeo 2021 e tamén ante a nova realidade da ruta, co seu crecemento sustentable e a súa constante internacionalización.

De feito, dito plan dedica 2017 ao Camiño Inglés e ao de Fisterra-Muxía. No caso do Inglés, nestes momentos lévanse a cabo traballos de sinalización e recuperación segundo a nova delimitación oficial, desde Ferrol e A Coruña (os seus dos puntos de inicio en Galicia) ata Bruma, e desde este lugar ata Santiago de Compostela. Está prevista, ademais, a apertura dun novo albergue en O Poulo, no concello de Ordes, aínda nas súas primeiras fases.

En paralelo ás infraestruturas e o mantemento, trabállase en eidos como a promoción e as actividades de divulgación para os escolares, ademais de programas culturais como Vive o Camiño. En conxunto, estase a superar os 1,4 millóns de euros neste exercicio.

Vive o Camiño se desenvolverá de acordo as seguintes datas:

Ferrol, 23 de agosto, 20,00 horas, Peirao de Curuxeiras
Neda, 24 de agosto, 19,00 horas, Paseo Marítimo de Xuvia
Cabanas, 27 de agosto, 20,00 horas, Parque de Areal
Fene, 28 de agosto, 20,00 horas, Praza do Concello
Pontedeume, 29 de agosto, 20,00 horas, Parque Infantil do Paseo Marítimo
Carral, 30 de agosto, 18,30 horas, Campo da Feira
Paderne, 31 de agosto, 20,00 horas, Lugar de Chantada (Parroquia de Souto)
A Coruña, 5 de setembro, 20,00 horas. Xardíns de Méndez Núñez
Culleredo, 6 de setembro, 20,00 horas, Praza Europa do Burgo
Cambre, 7 de setembro, 20,00 horas, Auditorio do Parque da Igrexa
Betanzos, 8 de setembro, 20,00 horas, Praza Irmáns García Nogueira
Narón, 9 de setembro, 19,00 horas, Paseo Marítimo Xuvia
Mesía, 10 de setembro, 20,00 horas, Praza do Concello, Xanceda
Ordes, 11 de setembro, 20,00 horas, Alameda
Oroso, 12 de setembro, 20,00 horas, exterior da piscina municipal
Miño, 13 de setembro, 19,00 horas, Parque Municipal da Rúa
Abegondo, 17 de setembro, 18,30 horas, Campo da Feira
Santiago de Compostela, 19 de setembro, 20,00 horas, Praza das Praterías
Axencia de Turismo de Galicia