Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

CCOO e UGT inician o 2 de outubro unha gran marcha en defensa de «pensións dignas»

Os secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, xunto co secretario xeral da FPX-CCOO, Carlos Mella, e da UXP-UGT, Valentín Tato, insistiron na necesidade e urxencia desta mobilización.

Os sindiclaistas lembraron que as pensións están a perder poder adquisitivo, situándose en moitos casos no límite do limiar da pobreza e da exclusión, malia que catro de cada dez pensionistas contribuíron a soster as súas familias durante a crise.

Un grupo de xubilados de CCOO e de UGT participará no comezo da mobilización, o vindeiro día 2 de outubro, en Santiago de Compostela. Tras participaren na asemblea prevista para as 11 h fronte á sede da Xunta (San Caetano), manifestaranse ata o barrio de San Lázaro e completarán un traxecto de dez quilómetros a pé.

O esquema será o mesmo o día seguinte, en Lugo, cunha asemblea ás 11 h na praza Maior e manifestación ata a N-VI, cun traxecto a pé de dez quilómetros en dirección a Benavente.

A partir do día 4, os manifestantes galegos confluirán na localidade berciana de Ponferrada cos compañeiros e compañeiras de Asturias e Castela e León. Con eles continuarán visitando outras localidades, nas que farán asembleas e traxectos a pé de varios quilómetros, ata que o 9 cheguen a Madrid e participen na manifestación central.

A mobilización en Galicia

- 2 de outubro: ás 11 h, asemblea en San Caetano (Santiago de Compostela) e ás 12 h manifestación ata San Lázaro
- 3 de outubro: ás 11 h, asemblea na praza Maior de Lugo e ás 12 h manifestación ata a N-VI en dirección Benavente.
- 4 de outubro: confluencia coas marchas de Castela e León e Asturias en Ponferrada
Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia