Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia recibe do Estado 1,1 millóns de euros dos fondos aprobados na Conferencia Sectorial de Agricultura

Galicia recibirá do Estado un total de 1.155.681 euros correspondentes ao último reparto de fondos aprobado na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada en Madrid e á que asistiu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Segundo explicou a titular do departamento autonómico, estes fondos destinaranse á mellora gandeira e sanidade animal, sanidade vexetal, razas autóctonas e ao fomento do consumo de leite nas escolas.

Con respecto á mellora gandeira, a partida aprobada esta tarde para Galicia ascende a 435.692 euros, sendo a de maior contía por comunidades autónomas. Os fondos corresponden á liña de actuación relacionada co control oficial do rendemento leiteiro. Tamén no eido da gandaría, Galicia vai recibir 263.399 euros para financiar os traballos de erradicación das enfermidades animais, incluíndo a loita contra doenzas como a tuberculose bovina e as indemnizacións por sacrificio obrigatorio tras o diagnóstico de diferentes doenzas do gando.

A Conferencia Sectorial aprobou tamén a asignación de fondos para a ordenación, fomento e conservación das razas autóctonas gandeiras, un reparto no que Galicia vai recibir outros 159.000 euros. Este orzamento destinarase a adaptar a normativa ao novo regulamento comunitario sobre a materia. O obxectivo desta lexislación é garantir a uniformidade da súa aplicación en toda a UE e promover o libre comercio de animais reprodutores e do seu material xenético. Esta norma, que será de aplicación a partires do 1 de novembro de 2018, contén, entre outras, regras relativas ás obrigas de criadores e asociacións de gandeiros, funcionamento dos libros xenealóxicos, realización de control de rendementos, recoñecemento de asociacións de criadores e aprobación de programas de cría.

En relación coa prevención e loita contra pragas vexetais neste 2017, Galicia percibirá 139.802,44 euros, co que a cifra total destinada á nosa comunidade para este fin supera os 1,5 millóns de euros. Estes fondos destínanse ao control de organismos nocivos como o nematodo do piñeiro, a couza guatemalteca da pataca ou a psila africana dos cítricos, entre outros.

Leite nas escolas

Por outra banda, nesta reunión tamén se deu luz verde a unha achega para Galicia de 146.168 euros, que se destinarán a fornecer o programa de fomento do consumo de leite nas escolas. No presente curso escolar 2017-2018 a nosa comunidade benefíciase dunha axuda total de 1 millón de euros neste eido. Trátase de fomentar a alimentación saudable dos máis cativos, subvencionando a distribución do leite nos centros escolares para frear o descenso no consumo destes produtos entre a poboación infantil e inculcarlles bos hábitos alimenticios.

Consello Consultivo

A conselleira do Medio Rural asistiu tamén á xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola que serve para preparar a próxima reunión de ministros da UE do vindeiro 9 de outubro. Neste encontro abordáronse cuestións relacionadas coa evolución dos mercados agrícolas, o uso de produtos fitosanitarios ou a PAC despois do ano 2020, en especial no que atinxe ao apoio á incorporación de agricultores novos, un asunto de especial interese para Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia