Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

En Marea visita as zonas afectadas pola vaga de lumes na cidade de Vigo e arredores

O voceiro de En Marea, Luís Villares, acompañado do voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, o deputado no Parlamento, Davide Rodríguez, e a deputada no Congreso, Alexandra Fernández, visitaron esta tarde as zonas afectadas da cidade de Vigo e os seus arredores para comprobar in situ os efectos dos lumes desta fin de semana. Villares reclamou á Xunta de Galicia que se establezan políticas de prevención orientadas a evitar a actividade incenciaria. “Hai xente que quere cometer delitos e non os comete porque se establecen políticas de prevención que evitan a comisión deses delitos, cremos que neste caso acontece igual. Non se pode evitar a actividade incendiaria pero si se poden poñer medios de prevención e medios de extinción” explicou.

Así mesmo, considerou inapropiado que a Xunta de Galicia estea a agochar a súa responsabilidade empregando a teoría da trama incendiaria algo que tanto a Fiscalía de medio ambiente como a Subdelegación do Goberno consideraron precipitado falar diso.

“Aquí faltaron medios, coordinación, activación de protocolos, houbo medios sen empregar, brigadistas nas súas casas porque xa non tiñan contrato e todo isto sabendo que había condicións climatolóxicas adversas e que o lume estaba xa no monte” denunciou o voceiro de En Marea. “Houbo imprevisión, falla de coordinación e unha incompetencia pola que se debe responder” engadiu.

Na visita os representantes de En Marea e Marea de Vigo puideron constatar como unha vez máis “foi a sociedade civil organizada coas súas propias mans nas que nun primeiro momento foron quen de deter un lume axudados despois por uns dispositivos que resultaron notoriamente insuficientes para atender non só as casas senón a unha poboación que se atopaba absolutamente desvalida”.

“As autoridades deberán responder. Unha vez se apagaron os lumes é o momento de esixir responsabilidades” concluíu o voceiro de En Marea.
Gabinete de Comunicación de En Marea