Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa que dará comezo o mércores 22 de novembro na costa da Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral da provincia da Coruña a partir de mañá, e que se suma a alerta laranxa por vento que estará activa tamén a partir de mañá ás 9,00 nas provincias de Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) espérase, a partir das 12 horas, mar combinada do oeste noroeste, con ondas entre 5 e 6 metros, que afectará ao noroeste e oeste da provincia da Coruña.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Suspensión de actividades escolares no exterior

Así mesmo a Comisión Escolar de Alertas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decretou a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos situados nos concellos das zonas afectadas por alerta de vento, isto é, en toda a provincia da Coruña e na Mariña de Lugo; a partires das 9,00 horas de mañá mércores.

Diante da eventual extensión do adverso de rachas de vento, de acordo coa previsión da Aemet, prégase que os centros das zonas afectadas realicen un seguimento especial das condicións meteorolóxicas. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, a dirección do centro poderá adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia