O BNG critica o apoio do PP ao Cupo vasco e denuncia que Feijóo vete este sistema de financiamento para Galicia

“O PP apoia en Madrid o cupo vasco, pero ese mesmo PP impide un cupo galego, unha nova evidencia da posición de subordinación de Feijóo incapaz de reclamar para Galiza o mesmo que o seu partido apoia cando se trata de Euskadi”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.
O Bloque considera inaudito que en plena negociación de cara un novo modelo de financiamento territorial, “a Xunta sega desaparecida” e non teña presentado no Parlamento documentación algunha da súa proposta ante este debate, nin sequera trasladou as alegacións ao informe dos expertos entregado o pasado mes de xullo. Por contra, gobernos doutros territorios están a ter unha posición activa de defensa dos seus intereses reclamando un sistema de financiamento acorde ás súas necesidades.
A proposta do BNG pasa por dotar Galiza dun concerto económico que outorgue ao Goberno galego plenas competencias en materia fiscal e financeira, incluíndo unha facenda e unha banca galegas.
“Queremos que a chave dos nosos recursos estea en mans dos e das galegas, e non de Montoro”, recalcou Pontón, “a xestión íntegra de todos os ingresos para decidir as prioridades de gasto e de investimento en función do que lle conveña a Galiza e non ao Goberno central de turno”. Recadar e administrar o 100% dos recursos, e despois “facer contas co Estado” para aportar a parte que corresponda en materia de servizos comúns e solidariedade.
A formación nacionalista reclama da Xunta que remita canto antes ao Parlamento a súa proposta de cara a conseguir un novo modelo de financiamento para Galiza, que evite a perda de 3.500 millóns de euros anuais e a fuga de 15.000 millóns de euros do aforro galego, así como unha fiscalidade xusta na que pague máis, quen máis ten.
Gabinete de Comunicación do BNG