Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O PSdeG insta a Feijóo a erguer a bandeira de Galicia para reivindicar infraestruturas diante de Mariano Rajoy

Fernández Leiceaga sinalou que Galicia afronta “o peor ano da década en termos de investimento por parte do Estado”, sumando unha forte redución no nivel de investimento a un nivel de execución que esta Comunidade Autónoma “non pode permitirse”. Urxiu ao presidente da Xunta a buscar o apoio do conxunto das forzas parlamentarias para reivindicar as demandas en materia de infraestruturas básicas.

Explicou que, se o Estado executou menos do 50 por cento das infraestruturas comprometidas no ano 2016, o ano 2017 “será aínda peor”, cun ritmo de execución “moi por debaixo”, sumado a un nivel de crédito inicial “moi inferior”, con 500 millóns de euros menos dos que se comprometeran no ano anterior.

O portavoz socialista criticou a “aceptación cómplice” do presidente da Xunta da suba das peaxes da AP-9, que admite “sen ter activado a Comisión de Seguimento” das infraestruturas. Os socialistas “propoñemos plantarnos diante de Fomento e ademais ofrecemos unha vía para que Fomento asuma os custes da ampliación de Rande de forma periodificada, sen que sexa un custe inasumible para o Goberno”.

Uniu ademais a resposta de Fomento á posición coordenada entre Galicia, Asturias e Castela e León para reivindicar o corredor atlántico de mercadorías. O Goberno respondeu, explicou, “adiar a toma en consideración desta cuestión ata 2024, que non sería decidida antes de 2027”. Criticou o retraso de dez anos “na toma da decisión de incorporar estas rexións na rede básica de infraestruturas”.

O Pleno da próxima semana incluirá unha moción socialista para reclamar a recuperación das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do Sergas, e para que o goberno galego faga pública a “información detallada” sobre o tipo de contratos e duración” na sanidade galega. Tamén incluirán unha interpelación para reivindicar unhas “condicións sensatas” no persoal da Administración de Xustiza de Galicia.

Os socialistas galegos presentarán ademais unha proposición non de Lei para reclamar a derrogación da reforma laboral e reducir a precariedade laboral, recuperando as condicións laborais perdidas nos últimos anos. Tamén incluirán unha iniciativa para reivindicar a posta en marcha polo Goberno galego das avaliacións necesarias para coñecer o coñecemento lingüístico do alumnado nos programas plurilingües.

Os socialistas preguntaranlle á Xunta polas medidas tomadas diante da situación da falla de auga que está vivindo a área metropolitana de Vigo, sobre o desenvolvemento do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2020, e sobre a previsión para impulsar a transformación portuaria da cidade de A Coruña.
Gabinete de Comunicación do PSdeG