Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Belén da Catedral de Santiago afiánzase como un dos grandes atractivos de Galicia no Nadal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, a cargo do cóengo e director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo. Un nacemento que amplía e enriquece a gran tradición belenística galega e se consolida un ano máis como un dos grandes atractivos de Galicia durante o Nadal.

Situado na nave central da basílica compostelá, o Belén conta coa colaboración de Turismo de Galicia. De estilo napolitano, é de grandes dimensións e nos seus máis de 60 metros cadrados ten máis de 600 figuras, algunhas delas en movemento.

Xunto ás escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, amósanse diversos acontecementos da vida cotiá que representan oficios tradicionais e diversas situacións diarias. O nacemento napolitano da Catedral de Santiago xa se pode visitar en horario de 7:00 a 20.30 horas.

O Belén da Catedral de Santiago de Compostela é unha das numerosas propostas postas en marcha na nosa Comunidade durante este Nadal que demostran como a ampla tradición belenística que atesoura Galicia, unida á celebración de actividades de lecer e os mercados de Nadal distribuídos pola xeografía galega están a servir de importante dinamizador turístico das catro provincias durante estas datas.

Tradición belenística

Xunto ao Belén da Catedral de Santiago, Galicia conta, entre outros, co nacemento artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o belén electrónico de Begonte, en Lugo, ambos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais, en A Coruña salienta o da Gran Obra de Atocha, a escala do mapa de Xerusalén; en Betanzos, o do Liceo con narración gravada e figuras en movemento; ou en Ferrol, o belén da Orde Terceira, que presenta un enorme portal con más de 200 figuras tamén en movemento.

Na costa coruñesa, salientan os de Boiro ou Corcubión, entre outros. Na provincia lucense desataca o belén xigante de Viveiro, a escala natural, e en Ourense o do escultor Arturo Baltar, con figuras de lama cocida e policromada. Na provincia de Pontevedra, Mos, Vigo, Verín ou a Catedral de Tui ofrecen tamén escenografías únicas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia