Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo destaca o labor das asociacións de redeiras para impulsar a igualdade a través do seu compromiso coa identidade cultural e patrimonial de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o labor das asociacións de redeiras para impulsar a igualdade a través do seu compromiso coa identidade cultural e patrimonial de Galicia.

Así, durante unha xuntanza coas tres asociacións que participaron no proxecto Enredadas, grazas ao cal a Xunta foi premiada na última edición dos Premios Nacionais de Artesanía, Feijóo gabou a actividade desenvolvida para dar a coñecer entre a poboación o traballo das redeiras a través da elaboración de produtos de artesanía co material empregado nesta profesión.

Feijóo aproveitou o encontro para agradecer o esforzo e a perseveranza para manter viva unha profesión senlleira do noso mar, que proba que a muller mariñeira é parte integrante e relevante da industria pesqueira: a muller mariñeira como emprendedora económica, que traballa para dar visibilidade a súa labor diaria; e a muller mariñeira como emprendedora social, que loita para garantir o relevo profesional no mundo marítimo e favorecer a igualdade de oportunidades profesionais.

Enredadas. Cultura e oficio das redeiras naceu en 2012 co obxectivo de impulsar a diversificación da actividade das redeiras galegas, fortalecendo a súa formación e favorecendo a creación de novos produtos en colaboración con outros sectores, como o deseño, a moda, a bixutería ou os complementos, ao tempo que se preservan os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son a calidade dos materiais e un coidado proceso de selección.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia