Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Finánciase con 350.000 euros a internacionalización, captación de alumnado e posgraos do Campus Terra

As liñas de actuación incluídas no convenio asinado no Pazo de San Marcos de Lugo entre o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, e o reitor da USC, Juan Viaño Rey, permiten dar continuidade á colaboración comezada xa no curso 2014-2015, cando ambas institucións puxeron en marcha a iniciativa ‘Para estudar Lugo’, a través da que máis de medio millar de novos estudantes gozaron neste tempo dun desconto do 50% do custe da matrícula naquelas titulacións de grao con menos demanda.

A posta en marcha deste programa de bolsas de matrícula financiado pola Deputación de Lugo contribuíu nos últimos tres anos a incrementar nun 3% o alumnado de novo ingreso nas titulacións de grao do Campus Terra da USC. Unha evolución non menos positiva foi a experimentada neste tempo na captación de estudantado estranxeiro, cuxa cifra de matrícula na sede universitaria luguesa medrou de 140 no curso 2014-15 ata 180 no presente exercicio. A esta mellora das estatísticas de alumnado procedente doutras nacionalidades cómpre sumar tamén a contratación dun novo profesor de lingua inglesa para a sección de Lugo do Centro de Linguas Modernas da USC.

O desenvolvemento dun plan de apoio para a realización de prácticas de campo por parte do alumnado do Campus Terra da USC constitúe outro dos aspectos nos que permitiu avanzar o convenio que manteñen desde hai tres anos Deputación de Lugo e USC. De feito, o Campus Terra concentra, grazas a este plan, o 60% dos preto de 100.000 euros que a USC destina a estes programas de prácticas. Mención especial merece neste senso a Facultade de Veterinaria, que percibe a terceira parte dos recursos destinados a esta formación.

O incremento da taxa de ocupación dos estudantes universitarios que completaron a súa formación de grao no Campus Terra da USC tamén figura entre os efectos positivos desta liña de colaboración activada entre a Deputación de Lugo e a institución académica compostelá, segundo indicou o presidente provincial Darío Campos, que tamén se referiu ao fortalecemento da oferta de másteres oficiais no campus lugués, cuxa matrícula medrou máis dun 12% no último trienio ata situarse en 212 persoas inscritas en formación de posgrao, e ao reforzo das actividades formativas desenvolvidas na provincia de Lugo ao abeiro da Universidade de Verán da USC.

O reitor da USC, Juan Viaño, manifestou no acto de sinatura deste novo convenio o agradecemento da institución académica ao organismo provincial polo apoio recibido ao longo destes anos, ao tempo que expresou a vontade de que esta colaboración poida ter continuidade nos vindeiros exercicios e sirva asemade para a promoción dos novos títulos de grao que ofertará a USC no seu Campus Terra. Esta nova oferta académica está composta polos graos en Paisaxe, Emprendemento, Robótica e Bioquímica, lembrou Viaño, quen tamén fixo especial fincapé no impulso da divulgación científica e á organización de congresos e simposios nacionais e internacionais no campus lugués que ten posibilitado esta achega de Deputación de Lugo. Asemade, do mesmo xeito que en anos anteriores, a nova edición deste convenio contempla tamén investimentos orientados a mellorar infraestruturas deportivas, docentes e de investigación.

O conxunto das actuacións recollidas neste convenio está a ter unha repercusión moi positiva sobre a actividade do Campus Terra, axudando a superar as dificultades que nos encontramos hai catro anos e asegurando o futuro dos 600 traballadores que anualmente teñen un contrato vixente coa USC na cidade de Lugo, concluíu o reitor Juan Viaño non sen antes felicitar á Deputación por un investimento que “mellora o futuro de Lugo, de toda a provincia e da súa sociedade”, dixo como colofón dun acto no que tamén estiveron presentes os vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente.

Granxa Experimental do Campus Terra

A construción e posta en marcha da Granxa Experimental do Campus Terra nas instalación da Granxa Gayoso Castro e a súa cesión de uso para cometidos docentes e de investigación aos centros da sede universitario constitúe outra das liñas de colaboración que mantén a Deputación co campus de Lugo da USC. Darío Campos lembrou neste senso que a Deputación destina a este proxecto, que inclúe a edificación dunha granxa e dun centro experimental do leite, ademais doutras naves para gando, maquinaria e para a realización de prácticas de campo e de I+d+i, máis de 1,3 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)