Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O BNG acusa a Feijóo de ter unha axenda en contra de Galicia e ao ditado de Rajoy

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticoulle ao presidente da Xunta que lonxe de ter unha axenda galega en defensa do país actúa como disciplinado brazo executor da discriminación do Estado con Galiza.

“O BNG leva meses propoñéndolle que impulse unha axenda galega, pero non ten ningunha. É visto o que está pasando só queda unha conclusión: Vostede non ten unha axenda galega senón unha axenda en contra de Galiza, en contra dos galegos e das galegas, ditada polo PP en Madrid que executa ao pé da letra”, denunciou Pontón na sesión de control, “quere liquidar este país?”, interpelou.

Como últimos exemplos de agravio, a exclusión de Galiza do corredor atlántico de mercadorías que financia a UE ou a nova subida das peaxes da AP-9 autorizada polo “ministro amigo” de Fomento. “Parecería un chiste de Gila, senón fose porque a AP9 é unha estafa que soportan 20.000 usuarios cada día nun país cos segundos salarios máis baixos do Estado”, alegou.

Pontón instou a Feijóo a reaccionar, a deixar a subordinación a Rajoy e exercer de presidente de Galiza: “Dígalle ao seu xefe que se ten 4.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas que rescate a AP9 e deixe de tratar aos galegos e ás galegas como se fósemos cidadáns de segunda”. A portavoz do Bloque puxo sobre a mesa alternativas para que a gratuidade de Redondela non se logre a costa dun novo asalto ao peto dos e das usuarias dunha autoestrada “requeteamortizada”.

“É sinxelo, por unha vez póñase do lado da xente e non de AUDASA, pense en Galiza e non nos beneficios da concesionaria, nada menos que 43 millóns de euros o ano pasado. A gratuidade de Redondela debe ir con cargo a eses beneficios de AUDASA”, salientou.

A dirixente do BNG propuxo ao presidente da Xunta unha axenda galega que, en opinión da formación nacionalista, debe incluír as seguintes prioridades. En primeiro lugar, conseguir un sistema de financiamento xusto que, entre outras cuestións, permita blindar os servizos públicos e contar con recursos para apoiar os sectores produtivos e facilitar a creación de emprego.

Segundo, reclamarlle ao Estado a débeda de 150M€ en dependencia, -“porque hai 13.000 persoas dependentes recoñecidas que non reciben ningunha axuda”-, en terceiro lugar, activar a transferencia da AP-9 e, como cuarta prioridade, a modernización do ferrocarril, “porque a este ritmo o AVE vai chegar antes a Lúa, e fora do eixo Coruña-Vigo o resto do país ten un tren do século XIX”, alegou, ao que se suma agora a exclusión de Galiza do corredor atlántico de mercadorías.

Chove sobre mollado

“Pasa por Madrid, pasa por Zaragoza, pasa por Pamplona disque que para corrixir unha inxustiza histórica segundo o ministro de Fomento, pero non pasa por Coruña, nin pasa por Vigo, todo moi lóxico e todo moi atlántico señor Feijóo!”, ironizou. Pontón lembroulle ao xefe do Executivo que non é a primeira vez que o PP e o Goberno central discriminan a Galiza no deseño da Rede Transeuropea de Transportes (RTE), porque xa o fixo cando deixou fora da primeira velocidade deste plan ao Porto de Vigo.

Pontón concluíu a pregunta de control instando a Feijóo “a deixar de facer oposición ao BNG para exercer como presidente de Galiza, porque é para iso para o que lle pagan o seu soldo os galegos e as galegas”.
Gabinete de Comunicación do BNG