Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Villares recrimina á Xunta que non reclame a Fomento os 2.308 millóns de euros sen executar nos últimos anos

As cifras da execución de Fomento desde o ano 2014, inicio recuperación económica segundo PP, onde se ve que “o grao de execución ten sido por veces notoriamente baixo ata o punto do ridículo”. Así temos no 2014 un 29,16 por cento de execución, 61,23 por cento en 2016, 40,40 por cento en 2016, e en 2017 segundo os datos que se teñen ata o momento a previsión é que se sitúe como máximo nun 40 por cento.

O voceiro de En Marea cualificou esta situación como “inaceptable” Villares lembrou que os investimentos en Galicia tiñan como obxectivo completar unha serie de infraestruturas sobre todo de carácter ferroviario. “Se tiveramos executados todos estes orzamentos teríamos neste momento unhas liñas ferroviarias adaptadas ao que require o corredor atlántico de mercadorías, motivo por el que se xustificou que quedásemos fora ao non estar rematadas estas obras, o que posibilitaría polo tanto que Galicia estivera dentro deste corredor” explicou Luís Villares.

Os 2.308 millóns de euros non investidos nestas obras nin en ningunha outra obra en Galicia deixa no aire a pregunta relativa a onde están estes millóns. Neste sentido o voceiro de En Marea preguntou directamente a Feijóo se está orgulloso pola non execución destes 2.308 millóns de euros no noso país, así como do engano á cidadanía falando de investimentos e obras que despois non hai. Villares instou ao presidente da Xunta a explicar porque non esixe ao ministro De la Serna, que se executen eses orzamentos en obras en Galicia e tendo en conta a importancia da inclusión no corredor atlántico, a modernización e adaptación ferroviaria deberían ser as obras prioritarias.

Hai dous meses tal e como lembrou Villares, En Marea denunciou que o silencio cómplice de Feijóo respecto a exclusión de Galicia do corredor atlántico ferroviario debíase a negociación da inclusión doutros trazados, e o resultado chegou a pasada semana co anuncio da liña Pamplona-Zaragoza. “O ministro de Fomento falaba de superar unha discriminación histórica, e preguntamos acaso non non hai unha discriminación con Galicia? Feijóo non ten nada que dicir a isto? Por que Feijóo segue a gardar silencio? Que beneficio lle reporta a Feijóo este silencio?” preguntou Luís Villares.

“O presidente da Xunta de Galicia pensa máis nel mesmo e o seu futuro que nos intereses reais do noso país. A maioría absoluta de Núñez Feijóo é unha ruína para Galicia que lle leva costado 2.308 millóns de euros en modernización ferroviaria” concluíu o voceiro de En Marea.
Gabinete de Comunicación de En Marea