Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ana Miranda recolle a credencial de Eurodeputada co compromiso de chegar ata o final no accidente do Alvia

A ata agora portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, recolleu a súa acta de eurodeputada na Junta Electoral Central no Congreso, paso previo á toma de posesión do escano no Parlamento Europeo o 28 de febreiro, e ata o final da lexislatura europea en maio de 2019. Toma así o relevo de Josu Juaristi dentro da coalición Os Pobos Deciden, na que o Bloque concorreu aos comicios europeos.

Miranda, -que estivo acompañada por familiares de vítimas da traxedia de Angrois-, adquiriu o compromiso de “chegar ata o final” no caso Alvia “utilizando toda a capacidade do euroescano para esixir unha investigación independente que permita coñecer toda a verdade, resarcir ás vítimas, reclamar que se adopten todas as medidas para que non volva a repetirse nada parecido e conseguir que se diriman as responsabilidades políticas”.

A portavoz en Bruxelas dará así continuidade a un intenso traballo que xa ten desenvolvido na UE neste asunto, de tal xeito que que o 1 de marzo manterá unha xuntanza coa Comisión Europea en relación á petición de apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español, polo seu incumprimento da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria.

Miranda tamén avanzou cales serán as primeiras iniciativas que presentará como eurodeputada, de marcado carácter social e desde a perspectiva de Galiza: Pensións dignas e sanidade pública, recollendo o clamor social en defensa dos servizos públicos que levou a milleiros de persoas a manifestarse en defensa do sistema público de saúde e a concentrarse en defensa das pensións que, no caso galego, son as segundas máis baixas do Estado.

Ana Miranda“Darlle voz en Bruxelas aos problemas reais dos galegos e das galegas do común, ese será o meu obxectivo”, salientou Miranda.

A portavoz europea do Bloque xa viña desenvolvendo un intenso traballo político en Bruxelas en defensa dos intereses de Galiza, coa presentación constante de iniciativas a través da representación da coalición, que se verá agora reforzado coa posibilidade de participación directa nos plenarios e nas comisións.

Como eurodeputada do BNG, Ana Miranda ocupara os seu escano dentro do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE, formación política europea que integra a forzas nacionalistas na que está integrada o Bloque desde 2004 -, e dando continuidade á traxectoria de traballo do BNG dentro deste Grupo europarlamentario.

Entre as iniciativas defendidas no que vai de lexislatura, a batalla ganada para que o sector do xeito non fose incluído na prohibición de redes de arrastre, o informe emitido pola Comisión Europea en relación ao sinistro do Alvia reclamando unha investigación independente da traxedia. Tamén iniciativas en relación á vaga de lumes, da persistencia do espolio do patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros do franquismo, ou a exclusión de Galiza de infraestruturas básicas.
Gabinete de Comunicación do BNG