A candidatura Cíes-Illas Atlanticas, na final para ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en París

Cómpre lembrar que a candidatura xa superou a primeira proba cando o Consejo de Patrimonio Histórico Español aprobou a súa inclusión na Lista indicativa o pasado mes de outubro. De feito, a lista foi actualizada e publicada pola UNESCO o pasado 5 de febreiro, “dándolle carta de natureza á candidatura”. Agora, e por requirimento da propia UNESCO, a candidatura deberá permanecer na lista un ano antes de seguir co procedemento.
Respaldo a Ribeira Sacra e Ferrol da Ilustración
Tras a reunión mantida coa directora do Centro do Patrimonio Mundial e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Román Rodríguez agradeceu o traballo da embaixadora para facilitar esta interlocución e a posibilidade de presentarlles aos responsables do Centro Mundial do Patrimonio a folla de ruta para a salvagarda e difusión das candidaturas.
Román Rodríguez, aproveitou a reunión para respaldar diante da UNESCO as outras candidaturas nas que Galicia está a traballar para a súa futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial, nomeadamente as da Ribeira Sacra e a do Ferrol da Ilustración.
Nese sentido, o conselleiro abordou a situación dos expedientes das devanditas candidaturas galegas, ademais de presentarlle a Mechtild Rössler un documento que recolle o potencial do patrimonio mundial galego que xa forma parte da Lista Indicativa da UNESCO, en concreto a cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago –o Camiño Francés e a ampliación das Rutas do Norte e o Camiño Primitivo–, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.
Neste sentido o conselleiro salientou que Galicia “é unha potencia en cuestión de patrimonio cultural” e sinalou a necesidade de coidalo e potencialo ao máximo nivel “como recurso endóxeno que é”. “Desde a Xunta esforzámonos neste sentido e o traballo coordinado con institucións tan importantes como o Centro do Patrimonio Mundial penso que é orientarse nunha boa senda”, rematou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia