Celébranse os Días Europeos da Artesanía coa posta en valor dos oficios

No marco desta programación, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá o curso Iniciación á creación de pezas básicas de sombreirería artesanal, que se celebra en Ourense, ademais desta fin de semana, os días 13, 14 e 15 de abril, de 10,00 a 14,00 horas e de 15,00 a 19,00 horas. Esta actividade, organizada pola Xunta, en colaboración coa Asociación de Artesáns de Ourense (Adao), está dirixida polo sombreireiro ourensán Félix de Martín, e inaugura o programa de formación especializada para artesáns para este ano 2018 impulsado pola Xunta, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, no que se incluirán actividades noutras localidades galegas.
O obxectivo desta acción formativa é poñer en contacto aos asistentes con técnicas básicas de sombreirería para que, dunha maneira sinxela e sen necesidade de ferramentas específicas, comecen a realizar pezas de sombreirería cun alto compoñente estético e/ou práctico. Segundo explicou a directora xeral, recibirán as bases para poder investigar e evolucionar cara a técnicas máis complexas de maneira sinxela.
Vázquez Abeal, ademais, explicou que a colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía é unha das áreas de traballo que a Xunta de Galicia desexa impulsar, co fin de conservar o coñecemento dos artesáns tradicionais e de promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo coma un sector de prestixio, competitivo e transversal.
A celebración dos Días Europeos da Artesanía está inspirado nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002. A convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Este ano, un total de dezaseis países tomarán parte celebración: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Francia, Hungría, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Reino Unido, Suíza, Polonia, Portugal e España. Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es
Tamén enmarcado nas actividades previstas nos Días Europeos da Artesanía celébranse os Oficios en acción, a proposta da Asociación Galega de Artesáns para celebrar cada ano estes días e coa que colabora a Fundación Pública Artesanía de Galicia. Este ano cambia a súa ubicación habitual na Coruña e móvese a Santiago de Compostela, onde se realizará unha escultura con vimbio na que poderán participar de xeito espontáneo todos aqueles que se decidan achegarse ata o claustro do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n). O taller estará dirixido por dúas experimentadas cesteiras Idoia Cuesta e Julia de la Cal e terá lugar o sábado de 10,30 a 19,30 horas; e o domingo de 11,00 a 14,00 horas.
O CEE Manuel López Navalón de Santiago de Compostela (Casas do Rego, 20) organiza, ademais, as xornadas Artesanías no Navalón, que hoxe rematan e que tiveron como obxectivo dar a coñecer diferentes oficios artesáns que se desenvolven na cidade.
Nesta fin de semana, ademais, ofrécense diferentes propostas de demostracións abertas de oficios artesáns en Vimianzo, Vigo, Pontevedra, Gondomar e Cervo. O castelo medieval de Vimianzo tamén ten previsto demostracións en vivo dos oficios que se amosan habitualmente neste espazo como a Olería de Buño, o encaixe da Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas, a cestería, o tecido tradicional do obradoiro Liño de Galicia, ademais da exposición Unha xanela á beleza, do obradoiro de Esther Ferreiro, na que se conxuga a prata, o vidro de Murano e a madeira. O Castelo de Vimianzo (Rúa Fonte dos Cabalos, 22) estará aberto desde hoxe e ata o domingo en horario de 10,30 a 19,00 horas.
En Pontevedra, o obradoiro Estilo Aramar abrirá as súas portas mañá e ata o domingo contará con demostracións sobre flores de tea, pel, papel, porcelana, cerámica, ecoprint en téxtil e cerámica, así coma de estampación de tecidos. Nas actividades participarán as artesás Viviana Araujo Martinez, Marivi Santos, Mar Barral, María Jesús Louzao e Azu Vilas. As actuacións desenvolveranse na aula formativa de Estilo Aramar en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,00 horas.
Vigo tamén se suma aos actos de celebración dos Días Europeos da Artesanía coa celebración dunha xornada de portas abertas con demostracións de diferentes oficios artesanais: a construción da gaita e da zanfona, a serigrafía artística, a ourivería, o coiro, o encaixe, a talla en madeira, a confección, o debuxo, a pintura e a cerámica artística.
Cervo celebrará a 15ª edición do Encontro de Palilleiras, que terá lugar no Pavillón Municipal dos Deportes de San Cibrao (Avda. da Veiga, s/n), en horario de 10,30 a 17,30 horas.
En Gondomar, os ceramistas Roberto Piñeiro e Antón Román trasladan os seus talleres á rúa para a celebración desta fin de semana. Nas dependencias do antigo matadeiro de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro), os artesáns achegaranlle o oficio a todos os visitantes. Haberá exposición de olería tradicional e de cerámica contemporánea, ademais de demostracións en vivo. A actividade celebrarase o sábado 7 e o domingo 8 en horario de 11:00 a 20:30 horas.
Por outro lado, un total de oito obradoiros artesáns abrirán as súas portas durante esta fin de semana para sumarse aos Días Europeos da Artesanía. En Buño (Malpica de Bergantiños), o obradoiro Alfarería Aparicio repite a experiencia dos últimos anos e ofrécelle aos visitantes unha oportunidade única para coñecer de primeira man a olería de Buño. O venres e o sábado o horario será de 10,00 a 21,00 horas e o domingo de 10,00 a 14,00 horas.
En canto ao encaixe, a artesá Lucía Figueroa, do obradoiro Encajes Lucita, ten preparada unha actividade de iniciación ao mundo do encaixe, que se celebrará entre mañá e o domingo no seu espazo do Ézaro (Dumbría), en horario de 11,00 a 20,00 horas.
En Santiago de Compostela, a ourive Susi Gesto abre o seu obradoiro hoxe e mañá en horario de 11,00 a 20,00 horas. Mañá a artesá impartirá un taller de ourivería compostelá en dúas quendas de mañá e de tarde, no que se dedicará especial atención á filigrana e ao traballo co acibeche.
O artesán Manuel Campos Vilaverde recibirá visitantes durante os tres días no seu obradoiro de Arca (A Estrada), onde dará a coñecer o seu traballo co mármore, coa pedra e coa escaiola. O horario de visitas, con cita previa, é hoxe de 11,00 a 17,00 horas; mañá de 11,00 a 14,00 horas; e o domingo de 11,30 a 15,00 horas.
A ceramista Laura Villanueva Piñeiro, do obradoiro Alén Das Olas Cerámica (Marín), abre tamén o seu espazo de traballo esta fin de semana, previa cita. O horario de visitas é de 17,00 a 20,00 horas, o venres; de 11,00 a 14,00 horas, mañá; e de 17,00 a 19,00horas, o domingo.
En Ourense, a artesá Paz Carro, do taller Carro Artesanos, dará a coñecer a elaboración das súas maquetas e das súas escenografías belenísticas. As visitas serán mañá de 11,00 a 19,00 horas, previa cita. En Allariz, o obradoiro de tecido artesán Inés Rir & Co. Diseño Textil (Allariz) abrirá as súas portas hoxe e mañá. As visitas, con cita previa, realizaranse en horario de 10,00 a 13,00 horas e de 16,30 a 19,00 horas.
Por último, o obradoiro de cerámica Regal (Viveiro) ofrece tamén xornadas de portas abertas hoxe e mañá, nas que haberá talleres e demostracións en vivo. As actividades terán lugar no Complexo Cultural Regal Xunqueira, en Viveiro, en horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia