Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

CCOO critica que o 17,64 % das persoas dependentes non reciban a súa prestación e pide mellorar o financiamento

É un dos datos máis salientables do estudo que o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou en conferencia de prensa. A secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza Seoane, e a economista do sindicato Silvia Parga Rodríguez, debullaron a exhaustiva análise elaborada por Comisións.

O traballo de CCOO abrangue o período 2012-2017 e analiza con detalle cuestións como a evolución das solicitudes rexistradas, das solicitudes pendentes de avaliar, do número de persoas dependentes con dereito a prestación e das que efectivamente a reciben. Outra das materias ás que presta moita atención é o emprego no sector da atención á dependencia.

Transcorrida máis dunha década desde a implantación da lei de dependencia, Maica Bouza considera que «aínda que quedan moitos retos por afrontar». Entre eles, o das listas de espera, tanto para recibir unha resposta á petición —o prazo máximo xeral é de seis meses, pero non sempre se cumpre—, como para percibir a prestación a que se ten dereito.

Na súa exposición, a sindicalista considerou o sistema de atención á dependencia (SAAD) como un dos piares do Estado do benestar, e ligou o seu peso ao progresivo envellecemento da poboación, pois a meirande parte das persoas usuarias son de idade avanzada.

En opinión de Bouza, un dos problemas do SAAD é o seu financiamento. Por iso, pediu que se incremente, tanto na parte que corresponde ao Estado como na que é responsabilidade das comunidades autónomas. No entanto, esixiu que o Executivo central «non se inhiba» e instouno a recuperar «canto antes» o total das achegas estatais ao sistema.

Débeda do Estado con Galicia

A sindicalista sinalou que no último ano, o Estado deixou de achegar uns trinta millóns de euros para o SAAD en Galicia, cifra que nos últimos cinco anos podería superar amplamente os cen millóns. Amais das repercusións sobre a calidade asistencial, Bouza tamén alertou do impacto sobre o emprego, xa que se poderían ter creado uns catro mil postos de traballo nese tempo.

Listaxe de espera

As listaxes de espera son outro dos problemas do SAAD, vinculado en boa medida á necesidade dun maior financiamento. O estudo de CCOO revela que en Galicia, malia aumentar o número de solicitudes de persoas dependentes por segundo ano consecutivo, a cifra é inferior á media estatal, aínda que a poboación galega estea moi envellecida.

Segundo Silvia Parga, a data de 31 de decembro de 2017, o 2,98 % da poboación de Galicia rexistrara unha solicitude fronte ao 3,67 % de media en España. Esta diferenza de 0,7 puntos porcentuais atribuíuna Maica Bouza ás listaxes de espera, que «desincentivan as solicitudes», así como á falta de información e ás redes de apoio familiar que aínda funcionan na meirande parte do país.

Como xa se indicou, ao remate do 2017, case doce mil dependentes aínda non percibiran a prestación que tiñan recoñecida, o que supón o 17,6 % do total.

A economista de CCOO tamén indicou que o sistema continúa a ser «demasiado lento» para as persoas cun grao de dependencia máis elevado. O número de persoas con dereito a prestación aumentou nos tres últimos anos, pero na maioría dos casos eran persoas con dependencia moderada (grao I), concretamente 13.321, ao tempo que no grao máximo (grao III) só se incrementou en 1792.

Calidade do sistema

A economista de CCOO apuntou que a calidade do sistema tamén se pode avaliar polo tipo de prestacións. A maioría —case o 79 %— consisten en servizos profesionais. As prestacións por servizos medraron decontino no período 2012-2017, con máis forza nos tres últimos anos.

Porén, Parga chamou a atención sobre o aumento dos servizos profesionais de menor custo, fundamentalmente os de teleasistencia e de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, que se incrementaron o 231 % e o 635 %, respectivamente, nos tres últimos exercicios. Pola contra, a suba máis modesta deuse na atención residencial: un 5 % máis de prestacións deste tipo de 2014 a 2017.

Na mesma liña, os servizos profesionais sen aloxamento gañaron relevancia ano tras ano, en detrimento dos servizos en réxime residencial. Representaban o 35,89 % sobre o total das prestacións no 2012; cinco anos despois, a porcentaxe sobe ata o 56,27 %. Pola contra, os servizos en réxime residencial pasaron do 31,24 % no 2012 ao 22,71 % cinco anos despois.

Emprego no sector

No que atinxe ao emprego, Parga sinalou as dificultades para estimar con exactitude que volume de emprego directo xeran os servizos de atención á dependencia, porque non existe unha epígrafe específica que distinga esta actividade.

Dada esa limitación, o estudo de CCOO utiliza como referencia as actividades relacionadas cos servizos sociais: a cifra de poboación ocupada nas ramas 87 —asistencia en establecementos residenciais— e 88 —actividades de servizos sociais sen aloxamento— que proporciona a enquisa de poboación activa. Segundo esa fonte, os servizos sociais asociados á implantación do sistema de dependencia ocupan preto de 28.600 persoas no 2017, unhas 2.800 máis ca no 2012.

Non obstante, a secretaria de Emprego de CCOO lamentou que a xornada parcial estea moi presente neste tipo de servizos. Maica Bouza tamén criticou o avance da precariedade no sector. Hai cinco anos, a xornada parcial representaba o 10,32 % nos servizos profesionais de atención á dependencia, pero situábase xa case no 13 % no remate do 2017. Nos servizos sociais sen aloxamento, a ocupación a xornada parcial subiu do 32,58 % ao 34,68 % no mesmo período.

Recuperar servizos e dereitos

A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO rematou a súa intervención apuntando que «xa é hora de que se recuperen os servizos recortados e os dereitos arrebatados coa escusa da crise». A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO tamén xulgou «imprescindible» reducir o copagamento a que están obrigadas as persoas usuarias do SAAD.

Finalmente, Maica Bouza esixiu que as persoas maiores «poidan vivir con dignidade», tanto no que atinxe aos servizos asociados á dependencia como no referente ás pensións. Por iso chamou a mobilizarse con CCOO e UGT o vindeiro 15 de abril en defensa de traballo e pensións dignas.
Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia