Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Gonzalo Caballero perfila unha folla de ruta cos parlamentarios socialistas para ofrecer unha alternativa

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, perfilou cos representantes socialistas galegos no Parlamento, as Cortes e a Eurocámara unha folla de ruta de intensa actividade que permita ofrecer á cidadanía “unha alternativa á dereita” nas eleccións municipais e europeas do vindeiro ano.

Trala xuntanza da Interparlamentaria, que presidiu, o líder dos socialistas galegos explicou que “somos o partido que require Galicia para ter unha alternativa de esquerdas” e, nese senso, comprometeu traballo “con sensibilidade municipalista”.

Neste órgano, os socialistas abordaron “unha folla de ruta compartida” que pasa por “intensificar o contacto co territorio” e por aportar opcións afastadas das “posicións conservadoras” e tamén daquelas cun “compoñente demagóxico”, en palabras de Gonzalo Caballero.

“Entendemos a política como un servizo público”, proseguiu, e chamou a manter “a honestidade e a exemplaridade” de todos os cargos públicos socialistas na liña de “combater o distanciamento” que mantén a cidadanía dos seus representantes.

Na mesma liña, o secretario xeral avanzou “un traballo intenso para abrir o partido” á sociedade. Así, indicou que os socialistas galegos incorporarán perfís independentes tanto aos grupos de traballo sectoriais como ao laboratorio de ideas que se porá en marcha. Trátase, explicou, de que a cidadanía teña no PSdeG “unha vía para facer propostas e participar na política”.

Con estas claves, o líder dos socialistas galegos apelou aos parlamentarios, deputados, senadores e eurodeputado a seguir traballando co obxectivo en mente de manterse nas municipais e europeas de 2019 como “primeira forza de esquerdas de Galicia”.
Gabinete de Comunicación del PSdeG