Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O centenario da Institución Padre Rubinos proba que a fortaleza de Galicia se atopa na cohesión, según Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á celebración do centenario da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos como a proba de que a fortaleza de Galicia se atopa na cohesión, na axuda mutua e nos logros colectivos.

Durante o acto de conmemoración, no que acompañou á S.M. a raíña Dona Sofía, Feijóo afirmou así que a entidade dunha nación ou comunidade non só se mide por magnitudes económicas, senón sobre todo polo que se podería denominar produto interior de solidariedade. “Non ten máis forza identitaria o territorio que parcelou o seu sentimento colectivo creando un minifundismo onde proliferan as miradas de receo ou hostilidade. A atención aos desprotexidos é o que marca a súa identidade”, aseverou.

Nesta liña, subliñou que detrás desta institución está toda a cidade da Coruña; colaboran todos os estamentos da cidade, cidadáns anónimos e asociacións particulares. “Os coruñeses ven na institución un novo faro que emite unha luz de solidariedade”, dixo, recordando que Antonio Rubinos se rebela así mesmo contra a pasividade e se alza contra a idea dunha caridade entendida como xesto illado que só busca a subsistencia de quen a recibe.

“O obxectivo da acción social, tal como a concibe hai cen anos, é a plena recuperación do home e a muller cuxa vida encalla. Neste xesuíta, que merece un lugar privilexiado na nosa historia, conflúen o papel protagonista que ten o marxinado na mensaxe evanxélica, coas correntes ilustradas que reivindican a dignidade humana”, abundou.

O presidente do Goberno galego aseverou que esa indignación coa situación que ve ao seu redor lle serve como motor para poñer en marcha unha obra descomunal que hoxe se plasma na súa sede, un centro cunha escola infantil, unha residencia de maiores, un centro de día, un centro de atención social continuada, un comedor social e un albergue.

Feijóo resaltou que este recinto, cuxa autora, a arquitecta Elsa Urquijo, cualificou como arquitectura silenciosa, encaixa á perfección co estilo de Antonio Rubinos e cos costumes do benefactor que fixo posible este monumento á solidariedade, a través da Fundación Amancio Ortega. “Aquí edúcase, acóllese, aliméntase, cóidase, protéxese e dispénsanse grandes doses de dignidade”, dixo, incidindo en que non é un monumento á vaidade, senón á fraternidade.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego quixo destacar tamén o esforzo que nesta materia fan os galegos, reflectido 700 millóns de euros que a Xunta está a destinar a políticas sociais no presente exercicio; e na disposición dunha axenda social pactada cos axentes sociais. E concluíu precisando que nesa axenda e neses compromisos dos galegos está tamén presente a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia