Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Baixo o lema Móvete, Xuventude oferta este ano máis de 300 prazas nas 14 actividades para maiores de 18

Máis de 300 mozos maiores de 18 anos participarán no programa de actividades náuticas, de fotografía e aventura que desenvolverá a Dirección Xeral de Xuventude durante os meses de xullo e agosto.

As principais novidades da convocatoria son o curso de iniciación ás técnicas de vídeo, onde se iniciará aos participantes na metodoloxía básica, tanto na teoría como na práctica, incluindo desde a fase de grabación ata a de composición e montaxe, e a travesía en Dorna, que se desenvolverá polas rías de Arousa e Pontevedra, acollendo campamentos itinerantes en diferentes portos e illas. Ten como obxectivo dar a coñecer a cultura e xeografía mariñas.

As actividades desenvolveranse en distintos albergues xuvenís. No de Gandarío, en Sada, terán lugar sete das 14 modalidades. Así, do 17 ao 31 de xullo celebrarase o curso de iniciación ás técnicas fotográficas. Nas mesmas datas realizarase o curso de navegación e mergullo deportivo, así como as singraduras marítimo terrestres polas Rías Altas. O curso de iniciación ás técnicas de vídeo serán do 1 ao 14 de agosto, ao igual que o de ecoloxía mariña e terrestre. A iniciativa mergullando nos fondos mariños galegos terá unha duración de 7 días e haberá dúas quendas no mes de agosto. O obradoiro de artes plásticas terá lugar do 1 ao 7 de agosto e do 8 ao 14 do mesmo mes.

Para aqueles que participen na actividade “En cruceiro polas rías galegas”, modalidade na que se introduce aos mozos na navegación en cruceiro a vela, mediante distintas travesías polas rías de Arousa e de Noia, aloxaranse nos campamentos Virxe de Loreto e Espiñeira, en Porto do Son e Boiro respectivamente.

No albergue xuvenil de Grixó, situado nas proximidades do parque natural do Xurés, desenvolveranse dúas actividades: multiaventura na Ribeira Sacra e curso de mergullo. As datas son do 1 ao 10 de xullo, no primeiro caso, e do 22 ao 31 de xullo, no segundo. Os que soliciten multiaventura realizarán paseos en quads, escalada, vivac, tiro con arco ou paintball. Quen se matricule no curso de mergullo recibirá clases teóricas e prácticas en piscina e mar aberto con saídas desde a praia e embarcación. Estas acción combinaranse con rutas en piragua, bicicleta e visitas culturais.

As Sinas, en Vilanova de Arousa, acollerá unha das principais novidades desta concocatoria, a travesía en dorna, que se desenvolverá polas rías de Arousa e Pontevedra con campamentos itinerantes en diferentes portos e illas.

Outras das iniciativas deste albergue serán as rutas de achegamento a kaiak, que conta con tres posibilidades de circuito: o Norte, que terá lugar nas rías de Arousa e Pontevedra, visitando Arousa, O Grove, A Lanzada, illa de Tambo, Bueu e Aldán; o Sur, que se desenvolverá por todas as Rías Baixas, pasando por Noia, Porto do Son, illa de Sálvora, Ons, Cíes e Baiona, e o exterior que terá como protagonista a ría de Vigo, achegándose a localidades como Panxón, Vigo, Arcade, Moaña, Cies e Baiona.

O prazo de solicitudes ábrese o próximo 5 de abril. O prezos son desde 85 euros ata un máximo de 180, dependendo da modalidade elixida. Os posuidores de carné xove ou máis teñen un desconto do 25%. Unha vez efectuada a reserva, as persoas interesadas deberán facer o ingreso no prazo de 48 horas a contar desde o día seguinte. Para máis información poden dirixirse ao teléfono xove 902.152.535 ou á páxina www.rix.org.
Gabineunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia