Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha semana de actividades lúdicas e educativas para todas as idades para celebrar o día do Medio Ambiente en Ourense

Trátase, en liñas xerais, de que a cidadanía se sinta responsable do coidado da súa contorna máis inmediata a través de actividades nos distintos puntos da cidade.

As actividades comezarán hoxe cunha charla na AVV As Termas sobre a compostaxe a cargo de persoal municipal e técnicos de SOGAMA. Actualmente, avanzaba o concelleiro Carlos Campos, de Participación Cidadá, hai 30 contedores de 350 litros de capacidade repartidos entre a asociación. Esta charla trasladarase tamén ao local da AVV As Laxas, que xa manexa un total de 25 cubos, o vindeiro 8 de xuño ás 18:00 horas.

A concellería de Educación tamén participa do programa, en colaboración con VIAQUA -representada na rolda de prensa pola súa responsable en Ourense, Ana Tejeiro, con actividades o propio martes 5 de xuño, día mundial do medio ambiente: “Un planeta #SinContaminación por plásticos” consistirá nun obradoiro de arte con plásticos reutilizados na EDAR de Ourense cun grupo de 25 alumnas e alumnos do Colexio Padre Feijóo de 10:00 a 12:00 horas. Ese mesmo día, pola tarde, a Aula da Natureza do Río Miño, en Oira, celebrará un obradoiro de observación de paxaros e de instalación de caixas niño con 25 alumnas e alumnos do Colexio Divina Pastora. “Quero lembrar tambén a actividade de danza e escultura CORPS SONORE, mañá venres, sábado e domingo a partir das 19:00 horas no Parque de Montealegre con asistencia libre e gratuíta”, dicía Belén Iglesias, titular de Educación, na rolda de prensa.

De seguido, o concelleiro José Araújo debullou o resto das actividades da semana do medio ambiente, abertas á participación de todo o mundo e de xeito gratuíto, se ben moitas delas requiren inscrición previa para a mellor organización das mesmas:

Sábado 2 de xuño.
-11:00 horas, Parque Barbaña, xincana de orientación en familia “Familias exploradoras”. Unha carreira de orientación na que, independentemente da actividade física, teremos que ir descubrindo as pegadas ocultas da Natureza. Antes de saír, pais, nais, nenos e nenas pasarán pola escola de exploradores, onde aprenderán a usar o compás para seguir os rumbos que lles conduzan á seguinte proba que deban resolver.
- 17:00 horas, obradoiro de Consumo responsable dirixido a adultos. (Con inscrición previa no enderezo de correo botanicodemontealegre.com.), actividade para reflexionar sobre o tema do consumo responsable, identificando cales son as necesidades básicas do ser humano, os patróns persoais de comportamento en relación ao consumo, reflexionado sobre o poder da publicidade e da moda nos nosos hábitos de consumo e investigando sobre a busca de patróns equilibrados de consumo e diferentes alternativas. Analizaranse as consecuencias medioambientais durante toda a cadea de produción de diferentes obxectos cotiás e reflexionarase sobre as necesidades reais do ser humano.

Domingo 3 de xuño.
-11:00 horas no parque de Montealegre e con inscrición obrigatoria, 'Coñecendo os ecosistemas', para maiores de cinco anos. Os ecosistemas están compostos por todos os seres vivos que nel viven, o ambiente físico onde viven e a relación existente entre os seres vivos e o seu entorno físico. Para que os mais cativos comprendan a importancia dos ecosistemas, os seus compoñentes e as súas relacións, proponse unha serie de xogos grupais.

Luns 4 de xuño.
- 18:00 horas, no Parque Barbaña: Parchís Xigante Ambiental. Co xogo do parchís como protagonista, formaranse diferentes equipos relacionados coas cores da recollida selectiva. Haberá que respostar a cada pregunta relacionada coa reciclaxe e, axudados por un taboleiro e dados xigantes, ir avanzando tendo en conta os movementos dos seus contrincantes.
- 18:00 horas na Rúa do Paseo, Engalana a túa árbore. Un concurso no que se pretende renderlle homenaxe aos espazos verdes durante a semana do Medio Ambiente e facelos visibles durante todo o ano. Prémiase a creatividade e a participación cidadá para que sirva de recurso para a sensibilización ambiental e visibilizar a necesidade da creación de espazos verdes na cidade, valorar e conservar os que temos. O espazo será desde os xardíns do Padre Feijóo até o cruce coa rúa Concordia.

Martes 5 de xuño, día mundial do Medio Ambiente.
- 18:00 horas, no Parque de San Lázaro, Xogos populares ambientais. A través de diferentes xogos populares (tres en raia, o pano, xogo de bolos de reciclaxe e xogo de memoria con tapóns de plástico) preténdese estimular o interese pola natureza dos nenos e nenas, fomentar o respecto cara o medio ambiente e a flora en xeral, descubrir cales son os animais en perigo de extinción, coñecer os diferentes contedores e que residuos hai que botar en cada un.
- 18:00 horas, no Parque Beiramiño, obradoiro de sensibilización ambiental “Incendios Forestais: Ti contas”. A actividade emprega o conto como ferramenta para traballar as causas dos incendios forestais, xa que implicar o conxunto da sociedade pode ser parte da solución. Consiste nun conto teatralizado onde se amosa a complexidade que se agocha tras os lumes, os asistentes seguirán o relato de maneira participativa, polo que ao longo do conto pasarán a formar parte do mesmo. Despois, os propios participantes farán de xornalistas para aprender a ser crítico coa información que recibimos.

Mércores 6 de xuño.
- 18:00 horas. Pegada Ecolóxica no parque Angelita Paradela Trátase de calcular quen gasta máis do que precisa para vivir, quen deixa mais pegada ou rastro mediante unha batería de preguntas e respostas. Ao rematar o xogo terán completada unha pegada de diferente color se están actuando adecuadamente co noso planeta ou non.
- 18:00 horas. Aprender a xogar en Familia na Natureza, no Xardín do Posío. Con esta actividade aprenderémoslles aos pais e nais diferentes xogos, dinámicas, técnicas e obradoiros para facer cos seus fillos na natureza. Deste xeito queremos demostrar a importancia do xogo na infancia como ferramenta para a aprendizaxe, así como relacionármonos en familia a través do xogo.

Xoves 7 de xuño.
- 18:00 horas. Eco-xincana Escola de Capitáns Planeta no parque do Ingabad, no barrio do Couto. Unha actividade dinámica e participativa que busca o compromiso das nenas e nenos co coidado da natureza. Mediante o xogo quérese fomentar o pensamento crítico para tomar actitudes máis responsables coa contorna máis inmediata.

Venres 8 de xuño.
- 18:00 horas, Xogos Populares ambientais no parque Diego González Blanco (O Vinteún). Tres en raia, o xogo do pano, xogo de bolos de reciclaxe e xogo de memoria con tapóns de plástico... repetiremos a fórmula da actividade do martes no parque de San Lázaro.

Sábado 9 de xuño.
- 17:00 horas. obradoiro para adultos: Alimentación Ecolóxica e saudable, con necesaria inscrición previa. Os obxectivos desta actividade son xerar actitudes críticas sobre o modelo de consumo actual, dando a coñecer formas alternativas de consumo, sensibilizar da importancia do consumo responsable e sostible de calidade e fomentar o cambio nos hábitos dos consumidores para evitar comportamentos que promovan o desperdicio de alimentos.

Domingo 10 de xuño.
- 11:00 horas, no Parque de Montealegre, “Aprendendo sobre a enerxía”, unha actividade que lles pretende facer comprender aos nenos e nenas como funciona a enerxía e como se transforma, a través dunha serie de experimentos onde se explicarán os distintos fenómenos e a importancia das enerxías renovables. Durante esta actividade elaboraranse un muíño de vento, un muíño de auga e unha placa solar con materiais reciclados e cotiás. Unha actividade proposta para cativos desde 3 anos.
- 11:00 horas. Roteiro ambiental “Familias exploradoras no tempo”, con saída desde a Ponte Vella. Esta actividade busca coñecer as orixes da nosa cidade dende a chegada dos romanos. Será unha viaxe no tempo ao longo da historia percorrendo a beira do río Miño para descubrir toda a súa riqueza ambiental. Sairá dende a Ponte Romana cara a Outariz nas que se realizarán unha serie de paradas interpretadas e teatralizadas nas que deberán superar unhas probas: exercicios de enxeño pero, sobre todo, de aprendizaxe.
Concello de Ourense