Galicia escolle ao mellor cociñeiro de petiscos das sete cidades galegas na IV Gala Showcooking ‘De Tapas por Galicia’

A final do certame contará coa participación de Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo). De entre as súas propostas sairá a mellor tapa da cociña galega.
De tapas por Galicia enmárcase no obxectivo da Xunta por difundir a creatividade e innovación dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Ten en conta tamén o feito de que os visitantes busquen de xeito habitual o achegamento á cultura galega a través da enogastronomía, onde a cociña en pequeno formato é unha opción cada vez máis valorada en calquera época do ano permitindo así tamén afondar no compromiso de desestacionalización, eixo da Estratexia de turismo de Galicia 2020.
Destino gastronómico
A folla de ruta do turismo galego inclúe, entre outras medidas, o impulso á enogastronomía cun marcado enfoque turístico dando cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional. Enmarcado nesta Estratexia 2020, a Xunta está a traballar no Plan de Turismo Enogastronómico que perseguirá estimular a relación entre a cociña e os centros de investigación e innovación vinculados coa arte culinaria, así como as receitas relacionadas con determinadas tradicións, épocas e zonas xeográficas, entre outras accións.
Showcooking De Tapas por Galicia