Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA rexeita a celebración de corridas de touros en A Coruña e denuncia a colaboración do Concello na súa organización

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) rexeita categoricamente, un ano máis, a celebración de espectáculos taurinos na cidade de A Coruña. En pleno século XXI resulta de todo punto inadmisíbel que se permita a celebración de actividades baseadas no sadismo e a crueldade cos animais, sexan do tipo que sexan. Estas festas de dor e morte veñen sendo apoiadas polo Concello de A Coruña ao longo dos últimos anos cos cartos de todos/as cidadáns, coa inmoralidade que isto representa.
O recoñecido como maltrato animal para todas as especies, considérase arte e cultura nos touros. A lexislación vixente, sexa europea, estatal ou galega, marca a excepción das corridas de touros nas súas normativas de protección animal, incorrendo nunha incongruencia inxustificábel dende calquera punto de vista ético ou legal. Estase a estabelecer dúas categorías entre os animais non-humanos: os susceptíbeis de protección e os candidatos á tortura.
Non só nas corridas de touros os animais son víctimas da crueldade dos humanos: son multitude os espectáculos que nas distintas festas do noso país teñen como sufrido protagonista un animal. Espectáculos nos que o ensañamento e a dor son os eixos festivos do mesmo e onde o animal humano amosa a súa peor faciana.
ADEGA esixe ao Concello de A Coruña a prohibición definitiva da celebración de espectáculos taurinos na cidade, retirando o permiso municipal e as axudas para a celebración da Feira de Agosto. Asemade, demanda das Administracións que introduzan as modificacións lexislativas pertinentes para declarar a prohibición total dos espectáculos baseados na crueldade cos animais. A inclusión desta figura como delicto no código penal debe ser unha das primeiras medidas.
Adega