Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Compostela reúne estes días grandes mestres do xadrez internacional

A competición celebrarase na Sala de Usos Múltples do Colexio de Fonseca (antigo comedor), con entrada habilitada para os espectadores dende os xardíns de Fonseca o día 5 a partir das 14.00 horas, do 6 ao 12 a partir das 16.30, e o día 13 a partir das 9.30 horas. Tamén retransmitirase en liña a través da páxina https://chess24.com/es cos comentarios en directo do Grande Mestre galego David Lariño.

O torneo está deseñado en formato pechado, no que dez xogadores loitarán entre eles en sistema liga, é dicir, todos contra todos. En relación aos xogadores galegos, os Mestres Internacionais Roi Reinaldo, Julio Suárez e o compostelán Diego Suárez competirán por acadar norma de Grande Mestre, para o que precisarán facer 6,5 puntos nas 9 partidas do torneo. Pola súa banda, os Mestre FIDE composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez farán o propio pola norma Mestre Internacional, o que lograrán sempre e cando cheguen aos 4,5 puntos.

Entre os xogadores convidados pola organización destacan catro Gran Mestres: o arxentino Sandro Mareco, situado entre os 100 mellores xogadores do mundo; o Gran Mestre Illmars Starotsis, campión absoluto de Letonia en 2002 e membro da selección olímpica letona; o rumano Marius Manolache e o arxentino Fernando Peralta, actual campión absoluto arxentino en 2018. A nómina de xogadores complétase co novo e talentoso xogador asturiano Carlos Suárez, que loitará tamén pola norma de Gran Mestre Internacional.

O Maxistral Cidade de Compostela que organiza a USC conta co apoio do Concello de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez. Os seus representantes acompañaron esta mañá ao reitor compostelán, Antonio López na presentación da competición. Así, estiveron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; os presidentes da Federación Galega e Española de Xadrez, Gaspar Pérez e Javier Ochoa, respectivamente; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela. Asistiu ademais a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

O xadrez na USC

Que a competición se desenvolva na USC non é casualidade, xa que esta universidade conta dende hai máis de corenta anos cun club de xadrez e dende 1988 cunha escola, cuns resultados excelentes nos campionatos de España universitarios, que hoxe colocan á compostelá no posto de subcampioa.
I Torneo Maxistral Cidade de Compostela