Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL volve ás salas galegas

A Consellería de Cultura e Turismo apoia a décimo sexta edición da Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 23 e o 26 de outubro. A implicación da Xunta de Galicia nesta cita ratifica a aposta do Goberno galego por enriquecer a oferta cultural e contribuír ao establecemento dunha programación estable e de calidade nas salas galegas, neste caso no compostelán Teatro Principal.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na presentación da programación da edición 2018 de AMAL, na que afirmou que este festival audiovisual permite un encontro entre as culturas árabe e europea, tendendo pontes a través da linguaxe universal do cine. Tamén puxo en valor a proxección de traballos que non teñen cabida no circuíto comercial convencional, así como a reflexión que ofrece sobre as diversas realidades sociais dos territorios árabes.

Na rolda de prensa desta mañá participaron, ademais de Anxo Lorenzo, o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e director da Semana AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra; e o fotógrafo Sergi Cámara, encargado de ilustrar este ano o evento.

Nove proxeccións

Do 23 ao 26 de outubro, AMAL ofrecerá 9 proxeccións no Teatro Principal de Santiago, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase Nacido en Gaza, do documentalista arxentino Hernán Zin. Tras o filme, haberá unha charla coloquio con Ghaleb Jaber Ibrahim.

Proxectaranse tamén os documentais Of Fathers and Sons, Ghost Hunting, Comandante Aryan e Los Saltadores. En canto ás ficcións, nesta edición poderase ver Sheikh Jackson, El Cairo Confidencial, Alma Mater (Insyriated) e Zagros.
Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL