Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Esta fin de semana celébrase o Centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo

A plataforma VÍA GALEGA, Plataforma Social que defende os dereitos de Galiza como Nación, e composta tanto por organizacións coma por persoas a título individual celebrará o vindeiro Domingo 18 de Novembro na cidade de Lugo diversos actos de conmemoración do I centenario da celebración da I Asamblea Nazonalista no ano 1918 en Lugo e impulsada polas Irmandades da Fala.

Para conmemorar o centenario daquel feito, central na reivindicación da Galiza como suxeito político e a reclamación da súa soberanía, Vía Galega desenvolverá un completo programa de actos na cidade de Lugo, que será o seguinte:

Ás 10:45h. ENCONTRO-ASEMBLEA, no salón de actos do I.E.S. Lucus Augusti, durante o que se dará “APROBACIÓN Á CARTA DOS DEREITOS GALEGOS”. Neste acto, diferentes personalidades da sociedade civil galega nos distintos eidos: cultural, ecoloxista, económico, sindical, estudantil, agrario…, darán lectura ao texto da CARTA DOS DEREITOS GALEGOS. Dito acto estará conducido por Xurxo Souto e haberá actuacións musicais, destacando a Coral de Cantigas e Flores.

Ás 13:00h haberá unha Ofrenda Floral diante do Hotel Méndez Núñez de Lugo, acto en colaboración coa “Convocatoria Faraldo”.

Ás 13:30h iniciarase un Paseo pola Muralla, entre o Campo Castelo e a Catedral, onde se ira dando lectura a diferentes textos das Irmandades da Fala, por representantes das entidades culturais de Lugo: Adolfo de Abel Vilela, Presidente de Lugo-Patrimonio; Tonina Gay, Presidenta do Clube Cultural Valle Inclán; María Casar, Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos (Sarria); Marisa Barreiro; Presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (Vilalba) e Mónica Lago, da Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz).

Con este programa, desde a Vía Galega queremos convidar a aqueles homes e mulleres que hoxe, un século despois daquela cita histórica, defenden os dereitos de Galiza como Nación, a participar nesta conmemoración e darlle continuidade a aquel facho que hai cen anos desde as Irmandades da Fala prenderon a prol da defensa dos Dereitos Nacionais do noso País
Plataforma Vía Galega