Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Poetas Di(n)versos: un poeta cubano e unha galega, ambos con raíces no interior de Lugo

Alí, nunha sesión aberta e gratuíta de arredor dunha hora de duración conducida pola responsable do proxecto –a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño– amosarán os seus versos Xiana Arias e Víctor Rodríguez Núñez.

Ela provén das terras montañesas da Fonsagrada, aínda que hoxe reside en Compostela. El vive e traballa como catedrático de universidade en Ohio pero, aínda que naceu e viviu por moitos anos en Cuba, sitúa os seus avós maternos na comarca de Ferrolterra, e os paternos na zona do Saviñao, nas Terras de Lemos.

Levando esas raíces galegas polo mundo, este poeta, xornalista, crítico, tradutor e doutor en Literaturas Hispánicas ten amosado a súa obra lírica en máis de corenta países. Autor de dezaseis premiados libros de poesía, publicáronse antoloxías da súa obra ata en dez países de lingua española, así coma en tradución a nove idiomas distintos. Ademais, o seu poemario 'despegue' acadou en España o prestixioso Premio Loewe. Pola súa banda, a poeta e xornalista cultural Xiana Arias Rego traballa na Radio Galega e fai parte da banda pop 'Atrás Tigre'. Deuse a coñecer en 2007 grazas ao Premio Xosé María Pérez Parallé por 'Ortigas', ao que dous anos máis tarde seguiu 'Acusación', colaborando tamén como poeta en obras colectivas, revistas, recitais e festivais galegos.

Unha libraría de proximidade poñerá á venda títulos dos poetas convidados, poñendo a disposición dos lectores e lectoras sinaturas nas súas copias. Esa oportunidade poñerá o ramo á ocasión de escoitar unha das autoras da nova poesía galega a carón dun dos poetas máis internacionais do actual ámbito hispánico. Contacto directo –e na voz dos seus autores/as– co mellor da nosa poesía así como da do panorama internacional.

Á cita con estes poetas seguirá á que teña lugar o próximo 17 de decembro xuntando a Antón Reixa co vasco Bernardo Atxaga. Será o último encontro do outono antes de que este ciclo mensual ininterrompido encete o novo ano.
Yolanda Castaño