O Premio Otero Pedrayo recoñece as traxectorias pioneiras da pedagoga Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que as dúas premiadas "representan un compromiso coa nosa lingua, coa súa historia, coa defensa do seu patrimonio onde a lingua ten un papel protagonista". Agradeceu González Formoso as súas vidas "entregadas á defensa da lingua e a cultura coa que nos vemos comprometidos os que estamos na xestión de administración pública" e desexoulles "moitos anos máis para continuar cun labor que queremos recoñecer e aplaudir con este premio".
Pola súa parte, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, lembrou que por vez primeira dúas mulleres gañan o Otero Pedrayo despois de que o pasado ano Marigarita Ledo fora a primeira recoñecida en corenta anos da súa historia. Sinalou Goretti Sanmartín que nesta edición estase a premiar "dúas mulleres pioneiras, referentes no mundo da pedagoxía, da educación, da innovación, da escrita, do feminismo. Todo o mundo nos emocionamos co filme que narra a vida de Antía e todas as mulleres temos en María Xosé Queizán un compromiso cos nosos dereitos e a nosa loita". Destacou, entre os múltiples valores que recoñeceu das premiadas, a relación de Antía Cal con correntes pedagóxicas renovadora como Rosa Sensat que trasladou ao ámbito galego e a condición avanzada dos ensaios feministas de Mª Xosé Queizán, un fito para as reivindicacións dos dereitos das mulleres, que abriron tantos camiños,
As premiadas Antía Cal e Mª Xosé Queizán agradeceron o recoñecemento e lembraron a súa relación persoal con Ramón Otero Pedrayo, o intelectual que dá nome ao premio. Antía Cal evocou o seu consello cando nos anos cincuenta escribiu o libro de arte para nenos e nenas. "Podo considerarme alumna de don Ramón, sen ter o privilexio de esta matriculada nas súas clases", sinalou. O premio, para ela, foi "formar persoas nunha das profesións máis importantes e emocionantes que se poda ter", dixo da súa traxectoria de vintecinco anos no ensino na que tivo como recompensa "poder axudar a facer unha escola diferente, para que os nenos e nenas pensasen por si mesmos e desenvolvesen as súas capacidades". Rematou a súa intervención compartindo o premio con todas as mestras e mestres e desexando "que a educación e as persoas que a ela se dedican reciban o recoñecemento da sociedade e o apoio dos gobernos e as institucións para que sexa garantía de futuro para as nosas nenas e nenos".
Pola súa parte, a escritora Mª Xosé Queizán iniciou tamén a súa intervención referíndose á figura de Otero Pedrayo, a quen tratou e tivo "a sorte de escoitar moitas veces" e do que dixo que "continuamos vendo Galiza cos seus ollos, a través dos seus estudos xeográficos, de percorrer palmo a palmo Galiza foi coñecendo a terra e vendo a paisaxe que para el era unha nova personaxe, consensuada co ser galego, co espírito, como dicía no seu tempo. O espírito de Galiza estaba na terra, na paixase, que para el era un personaxe literario máis".
Despois de destacar o papel de Otero Pedrayo e outros membros da xeración Nós na historia da cultura galega, con especial atención á influencia nun escritor de vangarda como Manuel Antonio, Mª Xosé Queizán agradeceu o premio e referiuse á figura de Antón Beiras -compañeiro de vida de Antía Cal- como a persoa que "inculcou o galeguismo" tanto a ela como a súa compañeira de premio.
A profesora da Universidade da Coruña, especialista en Otero Pedrayo e membro do xurado do premio, Carme Fernández Pérez-Sanxulián foi a mantedora dun acto e encarguse de presentar o perfil das dúas gañadoras destacando o amplo labor desenvolvido ao longo das súas traxectorias e confesou que o público se sentía "como alumnas e alumnos destas dúas grandes profesoras"
Deputación da Coruña