Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Deputación da Coruña organiza unha feira e un programa de encontros con artistas do mundo da ilustración

Neste mesmo espazo tivo lugar esta mañá a presentación do programa, que contou coa presenza da vicepresidenta da Deputación e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, a comisaria Matilde Rodríguez e a responsábel da sede de Afundación, Ana Salgado.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou que tanto a feira como o encontro facilitarán "xuntar no mesmo espazo artistas e público, algo que non acontece habitualmente" e destacou a vontade de "facer visíbel" a autoría da ilustración, o que poucas veces acontece.

Desta maneira, tanto a feira como encontros facilitará que algúns dos nomes fundamentais da ilustración e a banda deseñada como son María Hesse, Helena Pérez García, Luísa Rivera, Malota, Bestiola e a gañadora e gañador dos Premios Castelao da Deputación da Coruña, Eva Lema e Oliver Añón falen do seu traballo e conversen co público ao que convidan a asistir a estes dous eventos que terán lugar na planta baixa de Afundación.


"Resultaría moi raro que alguén merque un libro sen saber quen o escribiu ou unha editorial faga unha publicación sen destacar o nome da autora ou autor do texto literario. En cambio, no caso da ilustración, autores e autoras aínda teñen que esixir a súa presenza, recuperar o seu espazo de autoría, e este é tamén un obxectivo destas iniciativas", destacou Goretti Sanmartín Rei que participará na Feira nunha mesa redonda arredor do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, con Bea Lema e Oliver Añón, que gañaron as últimas edicións da convocatoria. Así mesmo, Goretti Sanmartín destacou a participación de tres librarías na Feira -Númax, Lila de Lilith e Pedreira- que participarán no programa canda outras iniciativas editoriais e culturais arredor do libro ilustrado.

Pola súa parte, a coordinadora Matilde Rodríguez, organizadora tamén da mostra que chega agora a súa segunda edición, destacou o alto nivel e o interese de artistas e propostas que participarán tanto nos encontros como nas mesas redondas da feira. Destacou tamén o alto número de mulleres que, como Malota ou Anair Rodríguez, falarán das distintas propostas da edición de libro ilustrado desde o feminismo. Matilde Rodríguez convidou a participar nas actividades que achegarán as obras na palabra das súas autoras. "Será unha boa oportunidade para atoparse coas artistas e que sexan elas quen nos acheguen a súa propia obra", explicou.

No acto interveu tamén a coordinadora da Sede en Santiago de Afundación, a Obra Social ABANCA, Ana Salgado, que destacou o interese que está a despertar a exposición que xa foi vista por máis de 2.800 visitantes e agardou éxito tamén para os encontros que se celebrarán na planta baixa do edificio situado na Rúa do Vilar de Santiago de Compostela.
Deputación da Coruña