Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cimag-GandAgro arranca mañá cun gran crecemento co que chega ás 544 firmas expositoras e os 12.734 metros cadrados

Pola súa banda, os expositores directos suman un 13,2% máis, xa que na pasada edición estiveran presentes un total de 166, e proceden de seis países (Alemaña, Austria, España, Francia, Italia e Portugal). En canto aos expositores nacionais, os de fóra de Galicia supoñen un 36% máis.

Estas empresas e entidades ocuparán unha superficie neta de 12.734 metros cadrados, un 25% máis que na pasada edición, cando foran 10.181 metros cadrados. Un aumento de expositores e de espazo que fixo necesaria a instalación dunha gran carpa exterior para albergar as ganderías de vacún frisón, a cal se suma así aos dous pavillóns principais do recinto, que non eran suficientes para acoller a todos os expositores. Así, a feira contará con máis de 25.500 metros cadrados brutos.

Esta terceira edición da feira ofrecerá aos visitantes gran cantidade de propostas, de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de solo e tamén de semente e aboado, ademais de compoñentes e accesorios Unha gran diversidade de maquinaria, instalacións e produtos aos que se suman numerosas razas que se promocionan no certame, como as autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

A feira será inaugurada mañá ás 13.30 horas polo Vicepresidente da Xunta e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda, quen estará acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, doutras autoridades e do director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán.

Máis de 40 propostas na súa programación

Respecto ás actividades do certame, contará con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector.

As conferencias terán un papel destacado nesta programación pola súa diversidade, actualidade e interese para o sector, convertendo ao certame nun atractivo foro de análise e coñecemento. Así, acollerá o XXIII Monográfico de Gando Porcino, no cal se abordarán, entre outros aspectos, os retos inminentes para o sector, como o Brexit; e as Xornadas Técnicas de Cunicultura, nas que se tratarán temas como a bioseguridade e se presentarán algúns dos resultados do proxecto Tecnocún.

Uniranse a elas xornadas centradas en aspectos como separación de xurros e aproveitamento da fracción sólida para camas de vacún hixienizadas, transmisión natural de nutrientes na cadea alimentaria, control da humidade e aforro enerxético en naves avícolas, novas tecnoloxías aplicadas á agricultura de precisión, técnicas de picado e acondicionado de millo forraxeiro para ensilado e o biogás como futuro inmediato. Tamén haberá unha xornada informativa para orientar aos agricultores mozos en canto a formación e axudas.

Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXV Open Internacional e XXVIII Autonómico da Raza Frisoa, nos cales participarán 164 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal; o XI Concurso Internacional de Preparadores de Gando e o XXXIV Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas Cimag. En total concorren 42 propostas, o dobre que na pasada edición, as cales os visitantes poderán ver na área expositiva do certame.

Ademais, realizaranse presentacións, como a das razas Fleckvieh e Brown Swiss, degustacións de produtos ofrecida pola Consellería do Medio Rural e demostracións, como as centradas en encintado profesional de fardos de forraxe ou as xa máis lúdicas de realización de esculturas en madeira con motoserra.

Por outra banda, a este completo programa uniranse outras actividades realizadas polos expositores nos seus stands.

Espazo de referencia

Tanto a exposición de Abanca Cimag-GandAgro, co importante crecemento experimentado nesta edición, como este completo programa de actividades, conforman un interesante punto de encontro para todo o sector e ao mesmo tempo consolidan ao certame como unha das principais feiras agropecuarias do noroeste e como a segunda de maquinaria forraxeira máis importante de España.
Cimag-GandAgro