Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Yolanda Castaño crea a Residencia Literaria 1863, asociada a un programa de bolsas de creación no estranxeiro

Do ano en que se publican os Cantares Gallegos de Rosalía e se dá inicio ao Rexurdimento Literario datan os muros de pedra dun espazo que se enfoca por enteiro ao traballo creativo. Nunha vía histórica do corazón da cidade, fronte á Biblioteca Provincial e con vistas á dársena Coruñesa, a Residencia Literaria combinará as doses necesarias de sosego e estímulo para avivar a inspiración.

A Residencia Literaria 1863 establecerá convenios e colaboración con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras que se resolverán en bolsas de creación en residencia dun mes de duración. Así, escritores e escritoras de todo o mundo profundarán no seu traballo literario mentras se integran na vida cultural coruñesa, lonxe das distraccións e obrigas da rutina cotiá.

O primeiro convidado será unha das meirandes figuras da literatura internacional

Un dos nomes máis importantes das letras mundiais, Premio Nacional do seu país, figura histórica da literatura de ámbito hispanoamericano, será o primeiro residente deste novo espazo coruñés. En moi próximas datas desenvolveremos a primeira das accións con este admirado persoeiro.

Internacionalización da literatura galega

Sendo Castaño a autora galega que acumula máis bolsas en residencia (en países como China, Alemaña, Grecia ou Escocia), xunto á súa experiencia como autora convidada en máis de 30 países distintos, trae agora para o panorama literario galego as vías de exportación da excelencia literaria.

Ante a falta de circuítos e as eivas históricas existentes na política cultural en materia de proxección exterior –nomeadamente, da nosa escrita– esta iniciativa abre novos e crecentes horizontes dende a militancia sensible de quen sabe o que é abrirse paso no oficio literario procurando a súa dignificación.

Un proxecto pioneiro e sen parangón na nosa contorna, que promove a divulgación, a profesionalización e a internalización da literatura galega.
Yolanda Castaño