Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os tonos do valioso Manuscrito Guerra soarán o martes no Paraninfo da Universidade de Santiago

Do documento, que comprende maioritariamente tonos para unha voz e baixo continuo, descoñécese a súa data de orixe e só se dispón do nome do copista, o escriba da Real Capela de súa Maxestade José Miguel Guerra. A Biblioteca Xeral obtivo o manuscrito grazas a que formaba parte dun conxunto bibliográfico que lle foi doado por Miguel Marín Arén en 1880. Como o legado incluía varios outros manuscritos procedentes do mosteiro santiagués de San Martiño Pinario, é posible que alí estivera tamén o Manuscrito Guerra e que Marín Arén o obtivera por mor das desamortizacións. Aínda que fose así, todas estas especulacións non rematan por explicar como un manuscrito musical da Casa Real foi parar a Santiago; a súa calidade ortográfica e a presencia de debuxos e ornamentacións parece indicar que estaba destinado a un personaxe distinguido.

O manuscrito consiste nunha antoloxía de cen tonos humanos, todos escritos para unha voz solista, excepto dous que precisan dous cantantes. Tono designaba un tipo de canción con acompañamento instrumental de baixo continuo; podía ser para varias voces, pero na época do manuscrito Guerra predominaba o destinado a un único cantante. Humano quería significar “profano”, para distinguilo do de temática sacra. Os tonos humanos podían interpretarse en moi variadas circunstancias, especialmente como peza illada de entretemento máis ou menos privado, como número musical dunha comedia teatral, ou formando parte dunha ópera ou dunha zarzuela. A temática predominante era a amorosa.

Lidia Vinyes-Curtis

Nada en Barcelona, finaliza coa máis alta cualificación a carreira de violín no Conservatorio Superior do Liceo e estuda canto lírico co mestre Jorge Sirena. Especialízase en Música Antiga no Conservatoire National de Toulouse e na Schola Cantorum Basiliensis. Como violinista barroca, colaborou en formacións de prestixio tales como l’ Ensemble Baroque de Limoges e Al Ayre Español.

Gaña o concurso da Bachwoche no marco da Bachakademie Stuttgart 2013, converténdose desde entón nunha das altos solistas habituais de Helmuth Rilling para interpretar as paixóns, cantatas, misas e Oratorio de Nadal de J. S. Bach de xira por lugares emblemáticos como a Thomaskirche de Leipzig, o Auditorio Tchaikovsky de Moscova e o City Hall de Hong Kong. Cantando este mesmo repertorio, solicítaa tamén o mestre Sigiswald Kuijken de xira por Xapón e no Concertgebouw de Amsterdam. Tamén é a solista habitual na produción de todas as cantatas de J. S. Bach baixo a batuta de Kay Johannsen en Stuttgart.

En 2014, debuta coa Orquestra Nacional de España convidada por Josep Pons a cantar l’ Atlantida de Manuel de Falla, e no Liceu debuta con éxito como Ascanio en Benvenuto Cellini de H. Berlioz baixo a batuta de Josep Pons e a dirección escénica de Terry Gilliam. Este verán cantará no Teatro Real xunto a Plácido Domingo na versión concertante de Thays de J. Massenet e inaugurará a tempada do Liceu 2018-2019 cantando na produción de I Puritani e L’Italiana in Algeri.

Manuel Vilas

O compostelán estuda arpas antigas dos séculos XII a XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, Coro da Comunidad de Madrid, Le Tendre Amour, La hispanoflamenca, Forma Antiqua, La Galanía, Musica Temprana, Private Musick, Vandalia, Ars Longa, La Trulla de vozes, Orquestra Barroca de Sevilla ou Coro Nacional de España.

Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Actualmente está centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época. Ademais, é o director artístico do proxecto de gravación dos 100 tonos do Manuscrito Guerra (século XVII), que investiga desde hai máis de quince anos, e cuxa gravación integral publica a discográfica Naxos en 6 discos compactos.

Fundador do grupo Ars Atlantica, é tamén pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a “xesuítica chiquitana” (Bolivia, século XVIII), a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana o seu estudo sobre o arpa no virreinaro do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstolo de Huachacalla (Oruro, Bolivia, século XVIII).
Universidade de Santiago de Compostela