Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A décima edición do ciclo Poetas Di(n)versos afronta o último trimestre de actividade, con voces chegadas de tres continentes

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá no Pazo de María Pita na presentación da programación, nun acto no que puxo en valor “a excelencia e a calidade dunha proposta única no Estado, que ofrece a posibilidade de achegar á veciñanza a poesía no seu idioma orixinal con recitais abertos e gratuítos, e que teñen como lingua vehicular o galego”. En total, serán tres citas mensuais as que se sucederán desde o 15 de abril até o 24 de xuño, o día de San Xoán.

A directora de Poetas Di(n)versos, a dinamizadora cultural Yolanda Castaño, foi a responsable de dar a coñecer o programa “dun ciclo que a cidade da Coruña merece” e que propón “todos os meses, agás no período estival, unha cita estable e regular coa poesía contemporánea da man das e dos poetas máis recoñecidos do momento, protagonistas das últimas prácticas literarias en Europa, América ou Oceanía, cos que a veciñanza pode ter un contacto directo e próximo”.

Así, o vindeiro 15 de abril, ás 20.30 horas, terá lugar o primeiro dos recitais, no que se escoitará, por vez primeira no ciclo, versos en lingua xermánica. Así, a viguesa Helena de Carlos, Premio da Crítica en 2007 polo poemario ​Vigo, ademais de profesora de latín e literaturas clásicas na Universidade de Santiago, participará nun encontro co alemán Jan Wagner, “un dos poetas máis celebrados da súa xeración, grande antólogo da poesía alemá moza e traducido a máis de 30 linguas”, sinalou Castaño, quen será a responsable de dar a coñecer a tradución dos versos de Wagner feita expresamente para a ocasión.

O segundo recital, que terá lugar o 13 de maio, será unha proposta feminina “ de enorme altura poética”, segundo cualificou Castaño. A coruñesa Pilar Pallarés, gañadora do Premio da Crítica 2018 por ​Tempo fósil --galardón que xa obtivo no 1996 co ​Livro das devoracións​--, compartirá sesión coa norteamericana Mary Jo Bang. “Ambas as dúas son poetas consagradas da literatura
galega e estadounidense e capaces de poetizar a dor cunha finísima mestría”, apuntou a directora do ciclo.

Finalmente, o luns 24 de xuño, a décima edición consecutiva de Poetas Di(n)versos pecharase cunha sesión na que participarán, Carlos Negro, poeta lalinés “que é unha referencia na poesía para a mocidade”, segundo salientou Castaño, e a creadora polifacética Hinemoana Baker, “quen exemplifica as últimas poéticas que se están a producir nas antípodas”. “Ambas voces falan da terra, a orixe, a familia, a estirpe e o telurismo”, aseverou a directora do ciclo. Como é habitual, cada unha das citas comezará ás 20.30 horas no auditorio do centro Ágora e contará coa participación dunha libraría de proximidade da cidade, que porá a venda exemplares das obras das voces convidadas para facilitar a sinatura dos volumes.
Concello da Coruña