Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Satisfacción xeral tras o desenvolvemento da 56ª Feira do Viño do Ribeiro

Durante as actividades organizadas polo Concello de Ribadavia, polas catas e showcookings pasaron máis de 180 persoas para gozar dos viños seleccionados polo sumiller Guillermo Cruz e das propostas elaboradas polos cociñeiros Lucía Freitas, Alén Tarrío e Miguel Mosteiro. Pola súa parte, o RibeiroBUS rexistrou un cheo de ocupación en 7 das súas 8 viaxes, con máis de 155 viaxeiros en total, que mercaron a súa entrada para visitar os viñedos e as paisaxes, así como unha adega antiga do Ribeiro.

Os resultados son de satisfacción e serven para avaliar positivamente a organización da FVR. A cantidade de visitantes que se achegaron ata Ribadavia para gozar da Feira do Viño do Ribeiro foi semellante á do ano anterior, contando aquela cun día máis de celebración.

Tras intercambiar unha primeira impresión coas adegas e colleiteiros participantes, estes expresaron a súa satisfacción co desenvolvemento do evento e a súa valoración foi excelente, dende o punto de vista tanto dos servizos, funcionamento da feira e de actividades ofertadas, destacando a gran cantidade de público que visitou o recinto durante a xornada do sábado, axudada polas boas condicións climatolóxicas que reinaron durante toda a fin de semana.

A organización considera que o alto número de adegas e colleiteiros participantes (38 en total, nesta edición), así como as actividades paralelas (catas, showcookings, zona Food Trucks e de gastronomía, actuacións musicais, botella xigante, visitas guiadas e teatralizadas, zona infantil con monitores, etc.) e o RibeiroBUS, principal novidade deste ano e que tamén actuou como reclamo promocional nos días previos circulando polas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, fixeron que numerosos visitantes se sentiran atraídos polo acontecemento vitivinícola que ten lugar en Ribadavia e que complementa dun xeito atractivo a oferta vitivinícola, turística, cultural e gastronómica do Ribeiro.

A organización xa está a planificar as diferentes melloras e novas actividades para poder superarse na seguinte edición da Feira do Viño do Ribeiro e que acade atraer a numeroso público para que continúe a gozar do Ribeiro e da cultura do viño.
Feira do Viño do Ribeiro