Nace a Feira de Emprendedoras de Compostela para achegar á cidadanía diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres

O programa
A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden e que precisan de ferramentas que as acheguen a unha axeitada comunicación empresarial para acadar a maior venta posible.
A continuación (12.00h) abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza e non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles.
Tamén haberá un momento para a reflexión e o debate entre mulleres cunha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e as que se inicien nesta actividade e a estean expoñendo como modelo de vida. Nesta mesa, prevista para as 13.00 horas e moderada por Elena Fabeiro, participarán Jose Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles.
Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com).
Woman Emprende
O Programa Woman Emprende da USC naceu co obxectivo de impulsar o espírito emprendedor das mulleres e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas e a xeración de novos proxectos empresariais liderados por elas. En Woman Emprende materialízase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna.
Para iso, o programa da USC ofrece toda unha serie de ferramentas ás emprendedoras para dar os primeiros pasos no comezo da actividade empresarial; información de calidade e actualizada e apoio, desenvolve actividades de interese común para as emprendedoras e acompaña a cada un dos proxectos dende o inicio ata o desenvolvemento real da actividade.
Woman Emprende