Pontedeume acolle este sábado a III edición da feira 'Primavera no Camiño Inglés'

Unha gran carpa no parque da Alameda de Raxoi acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda, as troitas de Oroso, o queique de Ordes ou a proia de Pontedeume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.
Durante a xornada levaranse a cabo tamén visitas guiadas polo Concello de Pontedeume e diversos obradoiros para nenos e nenas.
A feira do sábado da continuidade a un evento que gozou de gran éxito nas dúas edicións anteriores, celebradas en Betanzos, e a súa consolidación como unha cita anual de promoción do Camiño Inglés, un itinerario xacobeo que ten as súas orixes na Idade Media e que o ano pasado foi a ruta que máis medrou, rexistrando un 25% máis de peregrinos.
O evento culmina ademáis unha serie de actividades culturais e de creación artística que leva por nome “Do Camiño Vivido’ 19” e que durante os meses de abril, maio e xuño percorreu numerosos concellos do Camiño.
Deputación da Coruña