Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Galician Freaky Film Fest abre a inscrición de obras para a súa terceira edición que chegará este outono

Para conseguilo, o certame lanzará mañá as súas bases de inscrición en tres categorías: curtametraxes, longametraxes e videoclips. O prazo de recepción estará vixente ata o próximo 16 de setembro e poderanse enviar tanto en formato dixital coma en soporte físico.

As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero (western, policial, musical...) que teña a vocación de formar parte da cultura freak polas súa intención de sorprender, de amedrentar ou de tratar con sorna calquera tema. En definitiva, cintas cheas de gamberrismo.

As bases completas e a formulario de inscrición poden atoparse a partires de mañá na páxina web do certame.

TERCEIRO ANO DE FESTA FREAK

Este é o terceiro ano do Galician Freaky Film Fest (a primeira edición denominouse “cero”) que cada ano pretende achegarse á visión persoal coa que mesturamos os galegos os xéneros fantástico e de terror e lles sumamos unha boa cantidade de ruralismo e retranca.

A súa última edición foi todo un éxito tanto de público, xa que en moitas das sesións colgouse o cartel de “completo”, como da crítica, incrementando a repercusión mediática respecto ao ano anterior. Así, durante un fin de semana os asistentes gozaron de máis dunha vintena de traballos audiovisuais, un concerto freak de fin de festa ou a exposición do pintor Josef Mendez, un dos máximos expoñentes do horror pictórico nacional.

Nesta nova edición serán moitas as sorpresas relacionadas con esa cultura na que creceron os nenos e nenas de finais dos 80 e principios dos 90 baseada en pelis de ciencia ficción, series de anime e os videoclips do Xabarín Club. De feito, unha das novidades que de seguro sorprenderán será o deseño dun cartel que renderá unha homenaxe a “Alien”, unha das grandes sagas da ciencia ficción de todos os tempos e que chegará ao Galician Freaky Film Festival da man do deseñador Paulo Mosca.
Galician Freaky Film Fest