Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O número de cotizantes á Seguridade Social en Galicia incrementouse en 24.050 persoas no último ano

No pasado mes de marzo en Galicia rexistráronse un total de 979.876 inscritos na Seguridade Social en todos os reximes, 24.050 persoas máis que no mes de marzo de 2004, o que representa unha suba interanual do 2,52 por cento. Este incremento tivo o seu reflexo nas catro provincias galegas.

O aumento interanual do número de cotizantes produciuse tanto no réxime xeral, con 21.579 altas máis que en marzo de 2004 (unha suba do 3,20%) como no réxime de autónomos, no que se rexistraron 5.433 inscritos máis (un 3,11% máis). No agro, a evolución interanual amosa unha reducción de 3.568 persoas, o que supón unha baixa destes cotizantes nun 5,64 por cento.

O número de afiliados incrementouse en todas as provincias nos últimos doce meses. A que experimentou un maior crecemento en termos relativos foi a da Coruña, cunha suba do 2,984 por cento en relación ás altas rexistradas en marzo de 2004 (11.721 cotizantes máis), seguida de Pontevedra, cun aumento do 2,52 por cento (8.536 afiliados máis), Lugo (2,10 por cento) e Ourense (1,22 por cento).

EVOLUCIÓN MENSUAL

Con respecto ao mes anterior, o número de inscritos na Comunidade Autónoma incrementouse entre febreiro e marzo en 2.078 persoas, o que supón unha suba do 0,21 por cento.

Por reximes, o número de cotizantes ao réxime xeral da Seguridade Social aumentou en 1.831 persoas en relación aos datos rexistrados en febreiro, o que supón un 0,26 por cento máis. Así mesmo, o número de inscritos en autonómos aumentou en 761 persoas (0,42%), e en agrarios diminuiu un 0,49% (294 cotizantes menos).

Por provincias, a que experimentou un maior crecemento en termos absolutos foi a de Pontevedra, con 1.458 afiliados máis, seguida de Lugo, na que se rexistraron 372 cotizantes máis, Ourense, con 141 novos inscritos á Seguridade Social e A Coruña, provincia na que o número de afiliados experimentou un aumento de 107 persoas respecto ao mes anterior
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia