Inaugurada a exposición 'Mulleres, entre augas e entre fíos', organizada pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca

Esas 15 obras son unha pequena selección dunha colección máis ampla de 50 cadros promovida pola Asociación Dones del Mar del Grau de Gandía (Adomar) e froito dunha colaboración entre todas as asociacións da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) e fotógrafos e pintores da Comunidade Valenciana. A exposición, organizada por Anmupesca, estivo antes en Gandía e Cariño e estará aberta ao público en Muros ata o próximo día 31.
A titular de Mar destacou que esta exposición sitúa á muller onde lle corresponde ao levala da invisibilidade ao recoñecemento social e do descoñecemento ao diálogo cultural integrador ao retratar os labores de mariscadoras, percebeiras, redeiras ou comercializadoras, entre outras. “Sempre escoitamos que este non era mundo para nós pero a realidade é que levamos toda a vida no porto, na costa, nas praias e no mar”, subliñou Rosa Quintana durante a inauguración da exposición.
A representante do Executivo galego incidiu en que mulleres como as protagonistas desta exposición -“descoñecidas e sen nome, pero loitadoras e exemplarizantes”- permiten avanzar no camiño para liderar un cambio socialmente responsable e agradeceu o traballo de Anmupesca e a colaboración de Adomar para chegar a este resultado. “Gracias por demostrar unha vez máis que o mar une e non separa e por facer visible o papel da muller no mundo do mar, unha cuestión vital en todas partes”, indicou a conselleira do Mar.
Rosa Quintana tamén resaltou que esta iniciativa fai que a arte transcenda da súa beleza e cumpra unha función que, a priori, non é a súa, a función social e apostou por seguir traballando nesta liña para que o recoñecemento ao traballo feminino no ámbito marítimo-pesqueiro sexa cada vez maior.
A exposición ‘Mulleres, entre augas e entre fíos’
A escolma exposta no edificio Sel de Muros é unha selección de 15 das 50 obras realizadas por artistas valencianos que interpretan en lenzos, e con distintas técnicas, as realidades profesionais das mulleres da pesca. Esta exposición estivo en Gandía e froito da colaboración entre Adomar e Anmupesca pasou por Cariño entre o 9 e o 19 de agosto. Desde hoxe e ata o 31 de agosto poderá visitarse en Muros.
Asociación Nacional de Mulleres da Pesca