Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Chega a semana grande do Festival Ateneo Barroco 2019

Os composteláns Manuel Vilas e Resonet (Mercedes Hernández e Fernando Reyes), a mezzosoprano Marta Infante, Massimo Spadano e Fernando López Pan, Amandine Beyer e Gli Incogniti, Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere, son os protagonistas dos cinco concertos (8-12 outubro, 20.00h.) desta ilusionante primeira edición do festival Ateneo Barroco, no que poderemos gozar da música e do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade de Santiago.

Nos programas de concerto contamos con dúas sesións dedicadas a unha das máis grandes figuras da historia da música, Johann Sebastian Bach: no concerto do violinista Massimo Spadano e o clavecinista Fernando López Pan (sonatas para violín e clave, Paraninfo da Universidade, martes 8 de outubro) e no concerto da prestixiosa agrupación Gli Incogniti, que dirixe a virtuosa violinista francesa Amandine Beyer (Teatro Principal, mércores 9 de outubro). Pola súa banda, a fermosa voz da mezzosoprano ilerdense Marta Infante acompañada pola arpa de Manuel Vilas proponnos unha viaxe musical pola Europa dos séculos XVI e XVII con algunhas das cancións máis fermosas e coñecidas da época (Igrexa da Universidade, xoves 10 outubro).

Cos composteláns Resonet (a soprano Mercedes Hernández e o tiorbista Fernando Reyes) achegarémonos a outra das figuras protagonistas desta primeira edición do festival, a sensible e pouco coñecida compositora barroca veneciana Barbara Strozzi (Paraninfo da Universidade, venres 11 outubro). E na clausura, a laureada e afamada agrupación Accademia del Piacere, liderada polo prestixioso e virtuoso violagambista sevillano Fahmi Alqhai, teremos a oportunidade de redescubrir as danzas e as músicas ibéricas do Barroco (Teatro Principal, sábado 12 outubro).

O musicólogo, escritor e crítico musical Stefano Russomanno abrirá a semana grande do festival cunha conferencia (Sede Afundación, Rúa do Vilar, 20.00h.) dedicada á singular e substancial figura de Barbara Strozzi, cantante e compositora veneciana do século XVII da que aínda nos queda moito por descubrir. A entrada para esta conferencia é gratuíta até completar o aforo do local.

CALENDARIO DE CONCERTOS

1 As Sonatas para violín e clave de Johann Sebastian Bach
MASSIMO SPADANO violín
FERNANDO LÓPEZ PAN clave
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
martes 8 outubro 2019. 20:00

2 BWV… ou non! O Bach “inauténtico”
GLI INCOGNITI
AMANDINE BEYER violín / dirección
Teatro Principal
mércores 9 outubro 2019. 20:00

3 Europa Barroca: Unha viaxe pola Europa Occidental dos séculos XVII e XVIII
MARTA INFANTE mezzosoprano
MANUEL VILAS arpa barroca
Igrexa da Universidade
xoves 10 outubro 2019. 20:00

4 Barbara. Cantatas, lamentos e cancións de Barbara Strozzi
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ soprano
FERNANDO REYES tiorba
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
venres 11 outubro 2019. 20:00

5 Rediscovering Spain: Fantasías, diferencias e glosas
ACCADEMIA DEL PIACERE
FAHMI ALQHAI director / viola da gamba
Teatro Principal
sábado 12 outubro 2019. 20:00

CONFERENCIA INAUGURAL
STEFANO RUSSOMANNO
Barbara Strozzi, a voz misteriosa
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
luns 7 outubro 2019. 20:00
entrada libre até completar a capacidade do local
Ateneo de Santiago