Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

No día contra a violencia machista, Poetas Di(n)versos esculca a masculinidade desde poéticas en romanés e galego

E é que: como se constrúe hoxe a masculinidade? Que masculinidades queremos? Que significa ser un home hoxe, no noso e noutros países?

De xeito transversal, algunhas destas cuestións poderán responderse ao abeiro das voces de dous talentosos e intelixentes escritores, ambos nados a mediados dos 70 en distintos interiores: o interior transilvano e o interior lugués. En galego escribe o narrador, poeta e guionista Manuel Darriba e en romanés o poeta e prosista Dan Coman. Se o primeiro nos sorprendía hai uns meses cun novo e cuarto poemario –Santa morte (Galaxia, 2019)– o segundo acaba de lanzar o seu primeiro libro en tradución ao castelán, editado polo referencial selo independente de La Bella Varsovia en versión de Elena Borrás: El insectario Coman.

Neste novo evento capaz de achegar o máis punteiro xénero poético actual, na voz dos seus autores e autoras, a ouvidos propios e estraños, a fundadora e condutora do acto –a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño– interpretará as súas propias traducións ao galego dos poemas que recite Coman en lingua orixinal. A nosa lingua servirá así de hóspede a unha das carreiras literarias máis interesantes da Romanía actual, xusto a continuación de soar nos versos do sarriao Manuel Darriba, licenciado en Xornalismo e Filosofía e premiado co Espiral Maior, co González Garcés e co Lueiro Rey mentres escribe para varias series e programas da TVG.

Os dous poetas, capaces de botar unha mirada ás veces irónica e outras transformadora, mais nunca compracente, sobre a realidade, asinarán ao remate exemplares das súas obras. Así se poñerá o ramo a esta sesión mensual da undécima edición do prestixiado ciclo que continúa ata o vindeiro xuño. Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural 2014, este segue a ser o único programa que significa unha cita regular e continuada coa poesía internacional en todo o Estado español.
Poetas Di(n)versos