Inaugurada na Coruña a mostra 'Luis Seoane' do Museo de Belas Artes da Coruña

Durante a inauguración, o titular de Cultura e Turismo subliñou a figura de Luís Seoane e referiuse a el “como un referente fundamental para a cultura galega”. “Seoane representa mellor que ninguén o sentir político e cultural da emigración galega nas Américas”, destacou antes de explicar que a mostra exposta no Museo de Belas Artes da Coruña “ofrece unha parte pouco coñecida para a opinión pública da súa obra”.
O discurso expositivo desta mostra, que representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos de Luís Seoane, está dividido en catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico. O primeiro deles está dedicado á muller galega, o segundo á natureza e á paisaxe, o terceiro á guerra e a denuncia social e o último céntrase nos mitos, tradicións e lendas con referencias a fantasías ou contos populares.
A exposición incorpora tamén unha sección introdutoria de carácter pedagóxico onde se se desmenuzan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas profesionais desenvoltas por Luís Seoane e as técnicas que empregou ao longo da súa traxectoria. Ademais, como actividade educativa complementaria, o Museo de Belas Artes da Coruña ten programadas visitas guiadas a centros escolares, grupos e visitantes individuais, así como obradoiros de gravado onde se traballarán as técnicas empregadas por Seoane.
Museo de Belas Artes da Coruña