Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo Gaiás superou no Nadal as 23.000 visitas grazas á mostra 'Galicia, un relato no mundo' e á programación familiar

Na Cidade da Cultura de Galicia celebrouse nestas festas unha programación específica de carácter familiar e continuouse coa exposición Galicia, un relato no mundo, que desde a súa apertura, o pasado 14 de novembro, espertou o interese de máis de 25.000 persoas -máis de 13.000 neste Nadal- e rexistrou xa desde a súa apertura a inscrición de 3000 escolares para asistir ás visitas pedagóxicas, abertas a centros educativos durante as mañás lectivas.

Deste xeito, Galicia, un relato no mundo está a ser a exposición do Museo Gaiás que maior interese está a espertar, ata o momento, tal e como demostran as cifras récord que está a rexistrar nun só día. Nestas festas e, en concreto, na fin de semana do 28 e 29 de decembro, alcanzáronse máis de 2600 visitantes en cada unha destas dúas datas.

'Nadal no Gaiás’

A programación familiar de Nadal no Gaiás estivo aberta ao público desde o 14 de decembro de 2019 ata o 5 de xaneiro de 2020 e conseguiu a participación de máis de 11.100 persoas, o que supón case o dobre da cifra de 6.700 rexistrada nas actividades do pasado ano.

As actividades tiveron como protagonista unha cidade máxica e de conto, creada con máis de 50.000 globos cento por cento natural e biodegradables. Presidiu esta urbe máxica unha árbore xigante para adornar entre todas as familias e estivo dinamizada todas as tardes con obradoiros plástico-creativos dirixidos á cativada, de balde e sen necesidade de inscrición previa.

O complexo arquitectónico do Gaiás e as súas zonas verdes tamén se tinguiron do espírito de Nadal. Así, os edificios, as rúas exteriores e os espazos naturais da Cidade da Cultura estiveron engalanadas de pequenas luces en forma de planetas e recreando as constelacións do firmamento. Sumóuselle ademais unha árbore lumínica erixida no cumio do Monte Gaiás, visible desde o centro de Compostela.

A programación completouse con dous espectáculos familiares que esgotaron todas as súas prazas: o musical circense Orquestra de Malabares –que irmandou a escola Pistacatro coa Banda Unión Musical de Meaño– e gran gala de maxia Galicia Magic Fest, na que o galego Pedro Volta subiu ao escenario do Museo Centro Gaiás a sete magos internacionais, entre os que se encontraba un gran premio mundial como é Norbert Ferré.
Cidade da Cultura de Galicia