Talía Teatro ocupa esta semana o Salón Teatro con catro funcións de ‘Vida de cans’ e pases escolares de tres espectáculos

Cándido Pazó volve colaborar con Talía como autor e director desta proposta, que Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo interpretarán sobre o escenario da sede do Centro Dramático Galego ás 20,30 h. do xoves ao sábado e ás 18,00 h. o domingo. O mesmo xoves ofrecerán tamén dous pases ás 10,30 e 12,00 h. para o alumnado de diferentes centros educativos, que se integran na campaña escolar que a compañía desenvolve esta semana e na que se inclúen, así mesmo, as súas dúas coñecidas montaxes sobre a lingua galega: Bicos con lingua e Pelos na lingua.
Vida de cans, que a compañía subtitula como Alegoría canina en cinco ladridos escénicos, é unha comedia metafórica sobre o concepto de liberdade, na que se abordan cuestións humanas a través de tres personaxes caninos. Os tres atópanse encerrados nun amplo recinto que lles preparou o seu amo, pero que, a pesar de todas as comodidades, non deixa de ser unha reclusión que cada un afronta de xeito diferente segundo a súa personalidade.
Con máis de 30 anos de traxectoria, Talía Teatro é na actualidade unha das compañías galegas con maior capacidade de produción e distribución, como demostra o seu amplo catálogo de espectáculos en cartel no que, ademais dos devanditos tres títulos, se atopan propostas como Lambetadas, A primeira vez ou Rosa caramelo e outras historias, entre outras.
As entradas para as catro funcións de Vida de cans en Santiago están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, de xoves a sábado, e de 6 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.
Talía Teatro