Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Fundación Paideia organiza unha nova edición das xornadas sobre industria musical

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora un ano máis coa Fundación Paideia Galiza no desenvolvemento das súas xornadas sobre a industria musical que, nesta edición, levan por título Fronteiras, condicións de traballo e marcas. Estes tres eixos temáticos serán obxecto de análise nos coloquios que terán lugar na sede da fundación na Coruña os días 6 de febreiro, 5 de marzo e 2 de abril, respectivamente.

Nestes momentos, xa está aberto na web www.paideia.es o prazo para a inscrición gratuíta na primeira das citas do ciclo, Superar fronteiras coa música, na que se abordará a relación musical entre Galicia e Portugal a través da experiencia da artista galega Uxía e da portuguesa Joana Brandão, experta en comunicación, xestión e produción de espectáculos. A xornada, que será moderada pola xornalista Belén Regueira, contará ademais co showcase en acústico de Astrogirl.

As condicións de traballo nos eventos musicais centrarán a segunda das sesións, que se desenvolverá o 5 de marzo coas intervencións de Patricia Gabeiras, avogada especializada no ámbito cultural, e Carmen Zapata, xerente da Asociación de Salas de Concertos de Cataluña (ASACC) e presidenta de Mulleres da Industria Musical (MIM).

A música: o territorio perfecto para unir marcas e consumidores será o último dos coloquios, programado para o 2 de abril como peche do ciclo de 2020. Neste caso, contarase cos directores de Marketing Santiago Miguélez, de Hijos de Rivera, e María Garrido, de Bodegas Martín Códax.

Con esta colaboración, a Fundación Paideia Galiza e a Consellería de Cultura e Turismo buscan favorecer o intercambio, o debate e a reflexión arredor do papel dos profesionais da industria musical en Galicia. O ciclo sirve, ademais, para poñer en contacto os distintos actores que fan posible a celebración dun espectáculo en directo, así como para facer visible o seu labor como motores deste sector.
Fundación Paideia