Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Real Filharmonía de Galicia e o Cuarteto Quiroga inauguran unha nova Tempada de Música Clásica de Afundación

As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que conleva unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.

O CUARTETO QUIROGA

Naceu coa vontade de render homenaxe ao gran violinista galego Manuel Quiroga, un dos instrumentistas máis importantes da nosa historia musical, e hoxe en día está considerado un dos grupos máis singulares e activos da nova xeración europea, internacionalmente recoñecido entre crítica e público pola forte personalidade do seu carácter como grupo e polas súas interpretacións audaces e renovadoras. Recibiron o Premio Nacional de Música en 2018, é o cuarteto residente no Museo Cerralbo de Madrid e responsable durante anos da Colección Palatina de Stradivarius decorados do Palacio Real.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).
Afundación